Galicia, na Semana da Moda de Madrid: Adolfo Domínguez presenta a colección Chroma
O flamante Premio de Honra da Academia da Moda Española 2026 abriu a Semana da Moda de Madrid no ano en que celebra as súas vodas de ouro
O flamante Premio de Honra da Academia da Moda Española 2026, o galego Adolfo Domínguez, abriu a Semana da Moda de Madrid e celebra as súas vodas de ouro coa moda. A nova colección primavera-verán Chroma propón cores fluídas, en constante transformación que dependen da luz, dos materiais e mesmo da ollada de quen mira a peza.
En que cor fabricar unha peza é máis complicado do que parece. Para a colección da Semana da Moda de Madrid, os deseñadores de Adolfo Domínguez asistiron a clases de colorimetría e ciencia da cor.
"É unha colección que ten bastante de científico, ademais de creativo e emocional. A parte científica é a cor que é", di Adriana Domínguez. presidenta executiva de Adolfo Domínguez
Chroma é unha colección en que as cores cambian segundo a luz, os materiais empregados e a ollada de quen os mira. Sorprendeu o mesmo patriarca.
"Non lle ensinamos o que imos desfilar antes do desfile, pero sempre o sorprende moito e di: 'Eu nunca faría iso, pero é moi Adolfo Domínguez'", asegura.
Achacan a longa vida a conservar o espírito dunha marca de autor, creativa e diferente que traballa na sostibilidade. Non sería posible, din, sen a clientela que aposta pola calidade.
"O importante é encontrar un cliente no mundo que pense que o que fas lle dá valor ao seu armario e á súa vida", afirma.
Inspiráronse nos panos de cabeza, nos caleidoscopios e na fotografía industrial. Vestidos dos nos 20 e pantalóns de principios de século XXI. Tinturas naturais e tecidos lixeiros.
"Apostamos por pezas que queren durar no tempo tanto desde a calidade como desde a estética, están pensadas para estar de moda hoxe, en 5 anos ou en 15 e 20 tamén", detalla Adriana Domínguez.
50 anos de historia, 54 países e un mercado internacional en auxe co 43 por cento das vendas.