Deteñen unha parella á que lle atribúen 51 roubos con forza en 9 localidades galegas
Os asaltantes seguían empregaban sempre o mesmo método para os asaltos: fracturaban cristaleiras e accesos con tapas de sumidoiro ou martelos, subtraían a caixa rexistradora e fuxían rapidamente nun coche

A Garda Civil, tras case un ano de investigación, logrou deter unha parella supostamente responsable dunha onda de 51 roubos con forza en establecementos comerciais de nove municipios das provincias da Coruña e Pontevedra.
Os asaltos investigados producíronse nas localidades de Ames, Teo, Brión, Santiago, Noia, Padrón, A Estrada, Valga e Barro. Os detidos, veciños de Santiago de Compostela, actuaron entre maio de 2024 e xaneiro de 2025, xerando grande alarma social no pequeno comercio na contorna rural destas áreas.
Segundo explica a Garda Civil nunha nota de prensa, a investigación iniciouse na primavera de 2024, ante un incremento de roubos violentos en que os asaltantes seguían un patrón similar xa que fracturaban cristaleiras e accesos con tapas de sumidoiro ou martelos, subtraían a caixa rexistradora e fuxían rapidamente nun turismo azul.
O 11 de decembro de 2024, tras semanas de seguimento, a parella foi detida na allada despois de asaltar unha estación de servizo nas Casillas, no concello de Ordes.
Con todo, os indicios apuntaban a un maior número de feitos delituosos, polo que os investigadores do Equipo ROCA de Santiago en colaboración coa área de Investigación do Milladoiro-Ames e baixo a coordinación do Xulgado de Instrución nº 2 de Ordes, recompilaron probas contundentes que permitiron situar os sospeitosos na escena dos delitos, coincidindo con datas e horas dos asaltos.
As probas complementáronse coa análise de imaxes de cámaras de seguridade, que mostraban un mesmo vehículo e elementos recorrentes na vestimenta dos autores, como unhas zapatillas brancas de marca.
O modus operandi era sempre o mesmo: un executaba o roubo mentres o outro realizaba funcións de apoio loxístico e vixilancia.
Como resultado desta operación, un dos implicados permanece en prisión desde xaneiro deste ano, cumprindo condena por feitos similares.
A súa cómplice foi formalmente imputada como coautora de todos os roubos investigados.