Suspéndense definitivamente as festas de Coia en Vigo
A comisión decidiu cancelar as festas deste ano 2025 ao considerar inviable arranxar os erros na solicitude
Segundo o informe desfavorable do Concello, non se cumpren varios dos requirimentos mínimos de seguridade
As festas de Vigo, en risco por falta de autorización para as atraccións
A comisión de festas de Coia, unhas das máis importantes de Vigo, decidiu suspendelas despois de que o Concello rexeitase o seu plan de autoprotección.
O Concello notificou á Asociación Cultural Festas da Consolación de Coia o informe desfavorable do plan para organizar estas celebracións, que estaban anunciadas para dentro de 10 días, e a comisión respondeu que o que lles piden é inviable.
Segundo o ditame, non se cumprirían varios dos requirimentos mínimos e non se aclaran "aspectos básicos da normativa vixente" en materia de autoprotección. Os técnicos municipais consideran que a documentación presentada pola comisión "non é válida nin suficiente para poder autorizar a celebración do evento solicitado"
O Concello notificouno o venres e a organización tiña un prazo de cinco días, contados desde o seguinte á recepción da notificación, para emendar os erros.
Ante este anuncio, a comisión decidiu cancelar as festas deste ano 2025, pese a ter contratados moitos dos servizos, ao considerar inviable arranxar os erros na solicitude. En consecuencia, Coia queda sen música e sen atraccións nunha das festas máis importantes para os vigueses.
O PP vigués sinala a Caballero como culpable da cancelación
O PP emitiu un comunicado no que envía "unha mensaxe de ánimo" aos responsables da comisión tras "a difícil decisión de cancelar a edición deste ano".
"Chégase a este punto por culpa do señor Caballero, que se escuda nunha errónea defensa da seguridade para impedir a celebración destas festas por primeira vez nos seus cen anos de historia. Caballero fixo todo o posible para que non se celebrasen, esixindo cuestións que sabía que a comisión non podería cumprir", indicou a líder do PP vigués, Luisa Sánchez.