Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un home e desmantelado un punto de venda de estupefacientes en Melide

Detido un home e desmantelado un punto de venda de estupefacientes en Melide

O detido realizaba as transaccións no portal do edificio ou se desprazaba el a pé ou en patinete ata o punto convido co comprador

O home foi detido como presunto autor dun delito contra a saúde pública

Momento da rexistro da vivenda do home detido en Melide. Imaxe: Garda Civil
G24.gal 14/12/2025 12:24

A Garda Civil detivo un home como presunto autor dun delito contra a saúde pública e desmantelou un punto de venda de substancias estupefacientes en Melide.

Esta operación contra o narcotráfico realizouna o Equipo ROCA (roubos no campo) da Compañía de Santiago de Compostela da Garda Civil, en colaboración cos postos da Benemérita de Melide e Boimorto e o Grupo Cinolóxico da Comandancia, no marco da operación Capport.

Dita operación iniciouse tras detectar unha "trasfega constante e ininterrompida de persoas, alleas ao barrio" a un inmoble da localidade, o que xeraba "grande alarma social" entre os veciños, segundo relata a nota de prensa da Garda Civil.

Os axentes constataron que ao edificio "acudían consumidores tanto de Melide, coma das localidades limítrofes", así como que o detido "realizaba unha media de 15 a 20 vendas diarias", normalmente "concentradas nunha franxa horaria moi concreta".

Segundo informa a Benemérita, as transaccións realizábanse no portal do edificio ou se desprazaba el a pé ou en patinete ata o punto convido, e eran sempre "vendas rápidas que duraban escasos segundos".

Tras realizaren as xestións correspondentes, os gardas civís sorprenderon o home no momento en que "realizaba unha transacción de haxix". Durante o rexistro das súas pertenzas atoparon dúas doses individualizadas de cocaína e diñeiro en efectivo.

Tras o rexistro, o home foi detido como presunto autor dun delito contra a saúde pública e incautáronse dos efectos atopados. Ademais, a Garda Civil solicitou a orde de rexistro do domicilio do detido, alí localizaron 140 doses de cocaína en roca, 102 gramos de haxix e 186 gramos de marihuana. Tamén acharon na vivenda útiles de corte e preparación de substancias estupefacientes, básculas de precisión, recortes plásticos e arames dos utilizados habitualmente na confección de envoltorios para doses individualizadas, 1.000 euros en moeda fraccionada, así como diversa documentación das transaccións.

O detido foi posto á disposición do Tribunal de Instancia, Sección Civil e de Instrución, praza 1 de Arzúa, e a autoridade xudicial decretou o seu ingreso nun centro penitenciario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade