O Concello de Vigo garante finalmente a celebración das festas de Coia
O Goberno local asumirá os custos polas perdas da comisión tras a retirada de atraccións sen permiso
Non se instalarán atraccións que incumpran a normativa de seguridade vixente

O Concello de Vigo confirmou este venres que finalmente haberá festas no barrio de Coia.
Foi despois dunha reunión de última hora coa comisión organizadora.
A comisión anunciara xa a suspensión dos festexos pola negativa municipal a autorizar o plan de autoprotección presentado inicialmente.
“O Concello garante, xunto coa comisión, que haberá festas en Coia, e que alí estarán todas as atraccións que cumpran coas condicións de seguridade que esixe a normativa autonómica”, asegurou o voceiro municipal, Carlos López Font, nun audio remitido aos medios ao rematar o encontro.
Menos atraccións, pero sen recortar actuacións
Font insistiu en que non se instalarán atraccións que incumpran a normativa e recoñeceu que a comisión contará con “menos ingresos”. Ante esta situación, o Goberno local asumirá ese déficit económico para garantir o resto dos elementos das festas, como as orquestras ou outras actuacións previstas.
A decisión chega tras varios días de incerteza, logo de que a comisión anunciara esta semana a cancelación das festas por falta de autorización municipal ao non aprobarse o plan de seguridade inicial.