Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia celebra o San Xoán, a noite máis máxica do ano

Galicia celebra o San Xoán, a noite máis máxica do ano

As cacharelas poderán vivirse en directo na G24 e na Televisión de Galicia

directo Imaxe de arquivo
G24.gal 23/06/2025 18:02 Última actualización 23/06/2025 22:57

Galicia prepárase para celebrar a máxica noite de San Xoán, unha tradición vinculada ao solsticio de verán, que se vive con especial intensidade en zonas costeiras, como A Coruña, cidade onde a festa está declarada de Interese Turístico Internacional.

A cidade herculina, que reúne milleiros de persoas nas súas praias durante a noite do 23 de xuño, contará cun dispositivo especial de seguridade e limpeza de case 1.000 persoas.

O dispositivo comezou oficialmente ás 5:30 horas deste luns 

"A noite de San Xoán é a máis especial do ano para moitos coruñeses, pero tamén ten unha complexidade engadida para nós como concello, esixe a máxima coordinación en materia de seguridade, mobilidade e limpeza", reflexionaba a alcaldesa esta semana.

Deste xeito, manteranse servizos como o posto médico avanzado da Cruz Vermella ou as doce cámaras de vixilancia no paseo marítimo, ademais dun servizo especial de salvamento e socorrismo, que dispoñerá de dúas embarcacións para emerxencias.

Tamén se contará con Puntos Violeta -un fixo e tres móbiles- que traballarán en coordinación coa Policía para que as mulleres que o desexen poidan notificar situacións machistas.

O baño está prohibido desde as 22:00 horas e o desaloxo das praias empezou xa ás 18:00. Habilitarase un dispositivo especial de transporte público, con oito liñas especiais que comunicarán barrios coruñeses coa praza de Pontevedra.

Pola súa banda, Renfe programou un reforzo de máis de 560 prazas adicionais no Eixo Atlántico.

Máis de 100 toneladas de madeira

Na Coruña repartiranse un total de 120 toneladas de madeira apta para a queima a partir das 19:00 horas en 14 puntos distribuídos polos areais. Con todo, non estarán permitidas as lumaradas preto de contedores ou vehículos nin o uso de combustibles líquidos ou de acelerantes.

Ademais, haberá 25 puntos á saída das praias para deixar os residuos de forma separada e en contedores de gran tamaño para orgánico, inorgánico e vidro.

O Concello da Coruña recibiu máis de 700 solicitudes para facer fogueiras na rúa. 

Para garantir a seguridade nun San Xoán que se agarda masivo, hai un dispositivo especial por parte do Concello e da Policía Nacional, que vai despregar 115 axentes nas praias e no paseo marítimo.

Fogueiras prohibidas en Nigrán

Pola súa banda, o Concello de Nigrán dará continuidade á campaña San Xoán Sen Lixo e repetirá este luns un dispositivo especial co que prohibirá e sancionará facer buracos na praia, así como fogueiras.

Neste sentido, desde a mañá deste luns, Policía Local, Protección Civil, Garda Civil e a unidade de drons do equipo Pegaso, vixiarán e controlarán Praia América e o areal de Panxón para impedir que se acceda con leña ou pas, entre outros utensilios.

"O ano pasado demostrouse que se pode facer unha gran festa sen afectar o ecosistema natural, que non está reñido, e iso é o que volveremos garantir, incluíndo a prohibición expresa de facer fogueiras", explica o alcalde, Juan González.

Máis de 20 fogueiras en Vigo

Respecto á Cidade Olívica, o seu alcalde, Abel Caballero, xa advertía esta mesma semana de que só estarán autorizadas aquelas fogueiras que organicen colectivos, asociacións ou entidades "debidamente constituídas" e que deberán rematar ás 4:00 horas.

Autorizou un total de 21 cacharelas, catro sardiñadas e unha chourizada. Con todo, o consistorio insistiu en que esta listaxe non é definitiva e que o número autorizado pode aumentar.

En Vigo quedan prohibidas "de forma taxativa" as fogueiras en praias, parques e xardíns de titularidade municipal, no ámbito do centro histórico e preto de calquera elemento que forme parte do patrimonio histórico ou cultural da cidade".

Dez cacharelas con sardiñada en Santiago

No caso da capital galega, fontes municipais confirmaron que, ata a data, hai autorizadas dez cacharelas con sardiñada, así como outras dez sardiñadas e seis cacharelas que arderán en Compostela, todas elas no termo municipal de Santiago.

Unha noite que poderemos vivir en directo na Televisión de Galicia e na G24

Este San Xoán a Televisión de Galicia propón unha viaxe polos distintos rituais e tradicións da noite máis máxica do ano.

Desde a praia de Riazor, Lucía Rodríguez conducirá 'A gran noite de San Xoán' (21:45 h), un especial en directo con conexións a distintos puntos de Galicia, onde o lume, a música e as crenzas populares se dan a man. A retransmisión arrincará coa chegada dos milleiros de persoas ás praias da Coruña, onde as fogueiras, as sardiñadas e o salto sobre as lapas converteranse, unha vez máis, nun espectáculo colectivo declarado de Interese Turístico Internacional.

O reporteiro Óscar Cruz estará tamén en Riazor, a pé de praia, vivindo co público os momentos previos á medianoite, cando o lume se prende e moitos se lanzan ás nove ondas en busca de sorte e saúde. A conexión trasladará as sensacións do calor da area e o ambiente festivo, onde tradición e diversión se mesturan cada ano nesta cita imprescindible do calendario galego.

Desde a parroquia de Berres, no concello da Estrada, a reporteira Carlota Mosquera descubrirá un San Xoán máis íntimo e comunitario, onde a veciñanza se reúne arredor dun só lume, iluminando o leito do río Ulla con fachos e mantendo viva unha tradición chea de simbolismo. En paralelo, a música da batucada e os postos gastronómicos ambientarán unha celebración que aposta pola conexión coa natureza.

Na cidade de Lugo, a Piringalla prepárase para a súa xa coñecida Festa do Becerro ao Espeto, que fai 24 edicións. A reporteira Tamara Pérez cubrirá esta festa que une gastronomía, verbena e ritual de lume, nunha noite en que o barrio enteiro sae á rúa para compartir cea, música e o tradicional lumeiro. A organización espera centos de asistentes para esta celebración popular que se consolida ano tras ano.

Por último, a reporteira Laura Veciño trasladarase ao histórico barrio do Berbés, en Vigo, onde o San Xoán adquire un marcado carácter mariñeiro. Obradoiros, música tradicional e un aquelarre simbólico anteceden á queima da cacharela, mentres o aroma das sardiñas envolven este espazo cunha atmosfera única. Desde a costa atlántica ata o interior, Galicia celébrase ao redor do lume nunha noite onde o máxico e o popular van da man.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade