Polémica polo cobro dunha verbena que foi suspendida polo lume en Cualedro
Unha orquestra reclamou o pagamento da actuación, e finalmente houbo un acordo extraxudicial e a comisión deulles 4.000 euros
O de Cualedro foi un dos moitos incendios que devastaron a provincia de Ourense no pasado mes de agosto. Neste caso pillounos en plena celebración das festas, o que obrigou á cancelación da orquestra. Os músicos reclamaron xudicialmente o seu caché e, para evitar ir a xuízo, a comisión de festas chegou a un acordo. Acabaron pagando 4.000 euros.
O lume comezou ameazar Cualedro o 13 de agosto, tan só un día despois e vendo que a situación empeoraba rapidamente a comisión de festas decidiu suspender os festexos. Comunicáronllo a orquestra que os emprazou a falar máis adiante para atopar unha solución.
"O inicio querían facer a festa en setembro ou outubro e dixen que para esas datas éranos imposible porque marcha toda a xente da vila. Eu garantóvos facela o ano que vén, ou dentro de dous ou de tres, e eles a toda custa que non, e non chegamos a un acordo, entón foi cando nos denunciaron", di José Luis Fernández, presidente da comisión de festas.
O caché da orquestra eran 16.000 euros, dos que finalmente a comisión de festas pagou catro mil nun acordo extraxudicial. Os veciños apuntan que a suspensión das festas era inevitable ante o avance do incendio e non contaban con verse nunha situación coma esta.
"Nos tres días pódoche decir que poden vir tranquilamente oito actuacións entre gaiteiros, charangas, grupos, outras orquestras, disco móbiles..., ninguén pediu nada, todo o contrario, ofrecéronse para botarnos un cable se facía falta. Entón esto sí que nos molesta, nos indigna e nos enfada".
"Parece que xa estaban avisados de que non se podía montar polas circunstancias que había; chegamos ao punto de que querían cobrar eses cartos e non me colle na cabeza."
Pola outra banda a empresa di que ante a falta de acordo para unha nova data pediron primeiro a metade do caché para repartir as perdas entre ambas partes. Finalmente aceptaron os 4.000 euros de indemnización e non ir a xuízo. Explican así o porqué da súa decisión de non renunciar aos cartos.
"A orquestra traballa entre setenta e oitenta bolos cada ano. Cada un é importante, pero o un de agosto é fundamental. Os músicos da orquestra Costa Dorada, o montaxe, o equipo técnico...absolutamente todos cobran independentemente dos bolos que se fagan porque teñen unha nómina e todas as empresas teñen uns custos fixos aínda que o bolo se faga ou non", di Flor Gasalla, representante da orquestra.
En Cualedro celebran este ano por vez primeira unha carreira popular nas súas festas coa que contan paliar parte dos cartos perdidos o ano pasado. Ilusión, din, non vai faltar, aínda que o presuposto teña que ser algo máis axustado.