Galicia arde en fogueiras na noite de San Xoán
O lume máxico de centos de cacharelas resaltaron a beleza dos areais herculinos, invadidos por unha marea humana, e demostraron por que esta festa está declarada de Interese Turístico Internacional
Un ano máis constatouse que a de San Xoán é unha tradición que resiste o paso do tempo e que se mantén viva xeración tras xeración
O 112 Galicia xestionou máis de 450 incidencias, con varias persoas resultaron feridas por queimaduras
A Coruña volveu arder esta noite de San Xoán para espantaren as meigas as máis de 190.000 persoas que participaron na celebración. A noite máis curta do ano é tamén a máis esperada de Galicia, cunhas tradicións que se seguen desde tempos inmemoriais e que teñen o lume como protagonista.
A febre por conseguir un oco nas praias empezou xa o sábado, con mozos nos areais que deseñaban parcelas e mesmo fixeron ata dúas noites ao raso, ou en tendas de campaña, para asegurar os mellores sitios.
Todo ante unha falla na praia de Riazor que nesta ocasión reuniu elementos galegos: un polbo, María Pita, o escritor Manuel Rivas ou as cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas foron algunha das representacións.
Nesta ocasión, dun luns para un martes, a festa chegou coa dúbida de se habería sardiñas suficientes -os barcos non adoitan pescar os domingos, aínda que neste caso fíxose unha excepción-, pero pronto quedou claro que habería para todo o mundo.
Á medianoite empezaron a prenderse as fogueiras en praias, prazas e rúas de Galicia, nun ritual hipnótico que tinguiu de laranxa o país. En Santiago, por exemplo, houbo cacharelas por todos os barrios. E en Nigrán, nas praias de Panxón e Praia América, centos de persoas achegáronse as dúas cacharelas permitidas.
Nigrán iniciou unha campaña municipal de concienciación ambiental por un San Xoán sen lixo en 2019 e este ano incluíu un dispositivo de vixilancia sen precedentes e advertencia de sancións para conseguir este fito. Deste xeito, as praias amenceron sen un só buraco e cun 95 % menos do lixo habitual un 24 de xuño.
O 112 Galicia xestionou máis de 450 incidencias, con varias persoas resultaron feridas por queimaduras nas tradicionais fogueiras. Segundo informa o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, en total contabilizáronse case 1.200 chamadas.
As asistencias sanitarias foron a intervención máis repetida ao longo desta noite, con case 200. Tamén foron reiterados os requirimentos das forzas da orde xa sexa por pelexas (52) ou por xente agresiva (26). Ademais, contabilizáronse ata 10 incendios urbanos, así como ata 33 incendios doutro tipo. Varias persoas tiveron que ser atendidas por queimaduras en fogueiras nas localidades pontevedresas de Mos, Soutomaior, Vigo e Marín, o que supuxo a intervención do persoal sanitario.
Así mesmo, un incendio urbano na Coruña, rexistrado sobre as 02:20 horas desta madrugada, implicou o traslado dun home a un centro hospitalario para a súa valoración. Precisamente a cidade desde a que se reportaron un maior número de incidencias esta noite de San Xoán foi A Coruña, con máis de 50, seguida de Vigo, con 44.
A cidade da Coruña amenceu este martes sen incidentes destacables da noite e con toneladas de lixo nas praias e os barrios-
Un ano máis, constatouse que a de San Xoán é unha tradición que resiste o paso do tempo e se mantén viva xeración tras xeración. Galicia volveu invocar o lume para queimar todo o malo e espantar as meigas.