Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un vertedoiro ilegal complica os preparativos da noite de San Xoán nun barrio de Lugo

Un vertedoiro ilegal complica os preparativos da noite de San Xoán nun barrio de Lugo

Na Piringalla retiran moreas de refugallos da parcela onde montarán a cacharela, convertida nun depósito de restos altamente tóxicos e contaminantes se son queimados

Nun barrio lucense esta parcela onde fan a cacharela é usado como depósito ilegal de refugallos
G24.gal 22/06/2026 13:59

No barrio lucense da Piringalla traballan arreo para limpar a parcela para a fogueira, convertida nun vertedoiro incontrolado.

Unha práctica que dá mala imaxe e pode resultar perigosa, como denuncia a veciñanza que leva días colaborando co persoal do servizo municipal de limpeza na retirada dunha montaña de trebellos, roupa e restos de obras para levalos ao punto limpo da cidade.

Os residentes lamentan "que non se vaia ao punto limpo que está moi preto de aquí porque isto xa non parece para unha fogueira parece un depósito de lixo". Subliñan que "hai xente que aproveita para descargar todo o que teñen na casa e que non lles serve" e "en lugar de colaborar guindan o que lles parece para limpar as casas".

O terreo é usado como estacionamento disuasorio pero tamén para abandonar todo tipo de refugallos que cómpre clasificar antes de montar a cacharela e retirar aqueles que non poder ser calcinados e que son altamente contaminantes, como lembra o presidente da Asociación veciñal San Isidro Piringalla, Ricardo Varela.

"Hai que traer restos de poda, madeiras pero que non estean vernizadas nin pintadas, nin caldeiros nin plásticos".

"O que non se pode é traer son colchóns, sofás, rodas, a xente desfaise diso e fainos moito dano".

Os organizadores do San Xoán subliñan a colaboración dos servizos municipais de limpeza.

"Temos contacto con Ecolugo, a empresa de recollida. Nós vimos e clasificamos e eles veñen e recollen todo".

O vertedoiro ilegal complica a organización do Lumenovo no barrio da Piringalla onde en 24 horas celebrarán a Festa do Becerro ao Espeto, unha das máis concorridas da noite de San Xoán en Lugo, coa previsión de que asistan ata 10.000 persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade