A Xunta convocará axudas de ata 150 euros para o comedor escolar
A nova liña estará dirixida ás familas con rendas inferiores a 6.000 euros per cápita e contará cun orzamento de 2,8 millóns de euros
A Xunta aprobará este verán unha nova liña de axudas para contribuír ao pagamento do comedor escolar das familias con menos recursos. A iniciativa, acordada este luns no Consello da Xunta, contará cun orzamento de 2,8 millóns de euros e permitirá recibir achegas de ata 150 euros por alumno.
As subvencións estarán destinadas a familias con rendas inferiores a 6.000 euros per cápita e con fillos matriculados en Educación Infantil, Primaria ou Educación Especial. Poderán beneficiarse delas os estudantes que empregasen durante o curso 2025-2026 servizos e comedor sostidos con fondos públicos que non estean xestionados directamente pola Xunta.
Segundo explicou o Goberno galego, trátase da primeira convocatoria específica para alumnado que utiliza comedores xestionados por ANPA, concellos ou centros concertados. Ata agora, os usuarios dos comedores dependentes da Consellería de Educación xa contaban con bonificacións e prezos reducidos.
A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia o vindeiro venres e as solicitudes poderán presentarse por vía electrónica entre o 6 de xullo e o 6 de agosto. As axudas serán compatibles con outras subvencións destinadas ao mesmo fin, sempre que non se supere o custo total do servizo.