Publicador de contidos

Publicador de contidos

Leiro marca a máxima de Galicia con 38,7 graos e a Xunta activa o nivel 1 de alerta por calor en varias zonas

Leiro marca a máxima de Galicia con 38,7 graos e a Xunta activa o nivel 1 de alerta por calor en varias zonas

Agárdanse temperaturas por riba dos 35 graos no interior entre o sábado e o luns

A Consellería de Sanidade publica recomendacións para os grupos máis vulnerables

G24.gal 27/06/2025 15:45 Última actualización 27/06/2025 20:14

A Xunta activou o nivel 1 de alerta por altas temperaturas en distintos puntos de Galicia debido á chegada dunha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana, segundo informou MeteoGalicia.

As altas presións situaranse a partir deste venres ao norte da península Ibérica, o que provocará un acusado ascenso das temperaturas mínimas e máximas.

Durante este venres varios puntos da provincia de Ourense alcanzaron temperaturas por enriba dos 35 graos e en Leiro case se achegaron aos 40 graos, segundo os datos recollidos por MeteoGalicia.

No municipio de Leiro os termómetros marcaron o valor máximo na provincia e en Galicia con 38,7 graos ás 18.00 horas desta xornada.

Despois de Leiro, os termómetros alcanzaron en Ourense capital os 38,6 graos; na estación da Arnoia os 37,3 graos; e en Pantón (Lugo) o mercurio marcou os 36,7 graos.

O pico de calor, entre o sábado e o luns

As temperaturas máis elevadas agárdanse entre o sábado e o luns, cando o episodio de calor afectará practicamente todo o país, agás o norte das provincias da Coruña e Lugo.

Nas Rías Baixas, agárdanse néboas costeiras o domingo e o luns, que contribuirán a un lixeiro descenso térmico nas primeiras horas do día nas zonas litorais. Segundo as previsións, a situación comezará a mellorar a partir do mércores.

Beber sen ter sede e usar sombreiro

A Consellería de Sanidade lembra que os principais grupos de risco son:

  • Persoas maiores de 65 anos
  • Nenos menores de 4 anos
  • Persoas con enfermidades cardiovasculares, pulmonares, renais, diabetes, párkinson, alzhéimer ou enfermidades psiquiátricas
  • Persoas que vivan en vivendas mal acondicionadas
  • Persoas con exceso ou baixo peso
  • Traballadores, deportistas e persoas que pasen moitas horas ao aire libre

As autoridades sanitarias aconsellan:

  • Beber máis líquidos, sen esperar a ter sede
  • Evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té e bebidas moi azucradas
  • Consumir máis ensaladas, verduras e froitas
  • Evitar comidas copiosas, repartindo a inxesta en varias tomas ao día
  • Usar roupa lixeira de tecidos naturais, sombreiros, lentes de sol e protección solar

En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, cómpre chamar con urxencia o 061.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade