As vagas de calor chegan antes e son máis longas
Meteoclimática sitúa o mes de xuño de 2025 como un dos máis cálidos desde 1961, xunto cos de 2017 e 2022
A vaga de calor máis longa de xuño rexistrouse no ano 2017, durou 9 días e afectou 30 provincias
Segundo Climate Central as altas temperaturas desta semana na península son "5 veces máis probables debido ao cambio climático"

A última análise de Meteoclimática, unha inciativa de Esfera Climática e do Centro de Investigación Ecolóxica e Aplicacións Forestais (CREAF), advirte que a tendencia dos últimos anos é que as vagas de calor se adianten, producíndose incluso no mes de xuño. Din que son cada vez máis longas e apuntan ao cambio climático como causa principal.
As temperaturas para esta fin de semana no val do Ebro, o centro e a metade sur peninsular oscilarán entre os 36 e 38 graos, mentres nos vales do Guadalquivir e do Guadiana roldarán os 40 graos, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). De confirmarse estes valores, as temperaturas estarían entre 6 e 8 graos por riba da media do período 1991-2020, segundo Climate Central, que atribúe a subida ao cambio climático.
A falta de saber as temperaturas da semana próxima, Meteoclimática sitúa o mes de xuño de 2025 como un dos máis cálidos desde 1961, xunto cos de 2017 e 2022.

Os datos analizados confirman que é que cada vez máis habitual que unha vaga de calor se produza no mes de xuño e que esta dure máis días. En catro dos últimos dez anos houbo episodios de altas temperaturas neste mes. A vaga de calor máis longa de xuño rexistrouse no ano 2017, durou 9 días e afectou 30 provincias.
As zonas máis afectadas
As provincias que máis sofren as vagas de calor son Cuenca, con 56 rexistradas desde 1975 e Cidade Real e Valladolid, con 53 rexistros. No lado contrario temos a provincia Biscaia con tan só 6.
En canto a evolución histórica, obsérvase un incremento en todo o territorio que se acentúa na última década. Entre os anos 1975 a 1984, Almería tiña a primeira posición con 8 vagas; nos últimos 10 anos, Cuenca encabeza a lista con 29.
Principal responsable: o cambio climático
Climate Central emprega o Índice de Cambio Climático para analizar o impacto deste nas temperaturas das cidades de todo o mundo. Segundo este índice, as altas temperaturas desta semana na península son "polo menos 5 veces máis probables debido ao cambio climático".
Engaden que arredor do 94 % da poboación experimenta esta semana o nivel cinco de anomalía.
