Sesenta alumnos dun colexio da Cañiza sofren unha intoxicación alimentaria
A metade dos estudantes foron tratados no centro de saúde da localidade e o resto, trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Unhas 60 persoas entre estudantes e traballadores dun centro de secundaria da Cañiza foron vítimas dunha intoxicación alimentaria este xoves, da que se descoñece a orixe. Sanidade investiga o comedor escolar como foco da intoxicación.
Unha trintena deses estudantes, de entre 14 e 16 anos, foron trasladados ao centro de saúde da localidade, e o resto ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Dúas alumnas permanecen ingresadas en observación nese mesmo hospital.
Os alumnos, tal e como indicou o alcalde da localidade, o socialista Luis Piña, atópanse ben e a tal hora están "practicamente recuperados".
Malia que as primeiras información apuntaban a unha ensalada rusa como fonte da intoxicación, a dirección do centro desmentiu estas afirmacións e asegurou que non había maionesa no menú nin se trataba dun día de celebración especial.
Así, haberá que agardar ás analises das mostras que se toman diariamente no comedor para saber a orixe da intoxicación grupal.
Este venres o comedor funcionou con algunhas restricións tras pasar unha revisión de Sanidade. Natalia Pernas, directora do centro, indica que haberá servizo de comidas, pero será obrigatorio empregar auga embotellada e o uso de máscaras na zona.
Pernas asegurou que a maioría dos afectados se recuperan con normalidade e que algúns xa puideron incorporarse este venres ao centro. Non obstante, o transcurso da vida escolar desta viuse alterado, ao ter que pospoñer a graduación da ESO polo número de alumnos afectados.
A alerta supuxo a activación do protocolo sanitario en colaboración coa Consellería de Sanidade e o peche temporal do comedor.