Desaloxadas unhas 60 familias polo incendio de varios coches nun garaxe do Carril
O incendio queimou tres coches por completo, provocou danos noutros moitos e deixou a unhas sesenta familias sen luz nin auga
A Policía Científica investiga a orixe do lume, pero todo apunta a un dos coches máis afectados
"Temos que velo agora porque co lume derretéronse todas as tubaxes do saneamento e como son de PVC, caeron sobre os coches e as cinzas transformáronse outra vez en PVC. Non sabemos se afectou á pintura do coche, aos filtros, ... hai coches que lle estouparon as rodas, tres ao parecer que arderon", conta unha das afectadas.
Arderon tres coches por completo, hai moitos outros con danos e boa parte do edifico sen luz nin auga. O lume comezou ao fondo do garaxe, o que dificultou o traballo dos bombeiros.
"Os incendios en garaxes e buques son dos peores escenarios que podemos ter á hora da intervención porque a saída natural de fume e gases vai coincidir coa entrada dos efectivos e pola pouca altura dos teitos e a carga térmica dos propios garaxes vai condicionar a dificultade na visibilidade e a propia seguridade", explica David Padín, sarxento dos Bombeiros do Salnés.
"Hai vehículos de gasolina, de gasóleo, os pneumáticos que explosionan cando estás dentro e colle moita temperatura. Hai moito dano por lume tamén: está afectada a instalación eléctrica e as baixantes", engade Pablo Oubiña, cabo de Bombeiros do Consorcio de Pontevedra
Axudou polo menos que o garaxe é dun só nivel, todo un baixo de dous edificios en forma de U. A Policía Científica acudiu pola mañá para buscar a orixe do lume, pero, a xulgar polo aspecto, todo apunta a un dos coches. Agora mesmo, o máis urxente é recuperar os servizos básicos, luz e auga.
"Ten que vir o perito e xestionar cun fontaneiro e un electricista para recuperar o servizo de auga e as tubaxes que hai que repor", sinala Vanesa Aboy, administradora de inmobles.
O lume empezou contra a medianoite. Moitos veciños xa estaban deitados e tiveron que saír co posto. A noite era fría e houbo nervios e desacougo, pero tamén moito apoio.
"Viamos como saía o fume polas reixas de ventilación do garaxe e saíu todo o mundo dos edificios e tamén do edificio de enfronte. Saíu todo o mundo a ofrecer os seus servizos, se necesitabamos auga quente, durmir alí, algo para abrigarnos".
"Cada media hora ou quince minutos escoitábase unha explosión. Por iso tamén tiñamos medo".
Pola mañá, os máis afortunados puideron sacar os coches, pero nin sequera eses máis apartados do foco inicial, libraron da negrura do fume.