Un incendio en Culleredo provocado por pirotecnia queima dúas hectáreas
Ningunha propiedade resultou afectada
Estabilizado un incendio en Manzaneda
Un incendio forestal declarado este domingo no monte Costa, en Culleredo, quedou estabilizado tras afectar a unhas dúas hectáreas e ameazar vivendas de Cillobre, o edificio consistorial e o aeroporto de Alvedro.
O lume iniciouse sobre as 14.15 horas durante o lanzamento de pirotecnia das festas de Tarrío e xerou unha intensa fumareda que levou a recomendar a algúns veciños que abandonasen temporalmente as súas vivendas como medida preventiva.
Ningunha propiedade resultou afectada.
No dispositivo participaron tres axentes, nove brigadas, cinco motobombas, un técnico e ata catro helicópteros da Xunta, alén de Bombeiros do Consorcio Provincial, Policía Local e Guardia Civil.
Ás 18.08 horas o lume quedara estabilizado e os efectivos continuaban cos labores de arrefriado.
Estabilizado un incendio en Manzaneda
Un incendio forestal declarado na tarde do sábado en Manzaneda, Ourense, quedou estabilizado pasadas as 20.30 horas deste domingo. Segundo a última estimación provisional da Consellería do Medio Rural, calcinou ao redor de 15 hectáreas.
O lume iniciouse o sábado ás 19.03 horas na parroquia de Reigada.
O departamento autonómico mobilizou a 11 axentes, 15 brigadas, dúas motobombas, dúas pas, un técnico, catro helicópteros e oito avións.
Ademais, a BRIF de Laza, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), tamén está despregada sobre o terreo para complementar o dispositivo de Medio Rural. Ata alí enviou unha brigada e dous avións anfibio.