Un incendio arrasa un ático no centro de Muros, sen danos persoais
Foi o propio inquilino o que avisou os veciños, que desaloxaron o edificio
O incendio no número 55 da avenida da Porteliña en Muros orixinouse no salón dun ático, con saída á terraza. Explican os bombeiros que o lume busca osíxeno, así que avanzou cara a fóra e axiña provocou unha laparada que alertou a moitos. Dentro do piso había só un mozo, parece que durmindo.
"Dixo que estaba durmindo e que notou a calor do lume e espertou, se non queda aí no sitio", conta unha veciña.
Segundo relatou o propio inquilino, o lume puido orixinarse ao arder un calefactor que tiña enchufado no salón. Saíu enseguida avisar os veciños, que desaloxaron o edificio ilesos. Ten dez vivendas, pero só a que ardeu e outras dúas teñen residentes todo o ano. Un deles, Enrique, conta que houbo "moitos nervios e moitos gritos", pero "ao final todo saíu ben". "Desaloxamos en menos de cinco minutos -di- e no tempo que me levou baixar dende o cuarto, xa estaban os bombeiros e a Garda Civil".
No GES de Muros calculan que puideron tardar entre dous e tres minutos en chegar o edificio, despois de que o 112 activara a emerxencia. Foi esa actuación inmediata a que evitou a propagación do lume, que era especialmente virulento.
"A chave neste tipo de incendios é a proximidade", di o xefe de grupo do GES, Jorge Mosquera. "Un incendio con apertura en fachada osixena moitísimo, e as temperaturas son moi altas -explica-. Aí, se a intervención non é no momento, a propagación é inminente".
Montaron o tendido ata o quinto andar polo oco das escaleiras, e puideron acceder pola porta da vivenda. Atacaron o lume no salón, e conseguiron salvar o resto das estancias e as vivendas veciñas, só afectadas polo fume. Malia todo, os danos materiais son cuantiosos.
"O salón quedou apuntalado, pendente dunha inspección técnica para valorar danos estruturais", explica Mosquera.
O Concello realoxou os catro inquilinos da vivenda afectada, e os pisos lindeiros -que quedaron precintados- estaban xa desocupados. O resto dos veciños do edificio puideron regresar á casa un par de horas despois de extinguir o lume e asegurar a zona.