Publicador de contidos

Publicador de contidos

A muller que se precipitou desde un cuarto piso no Barco quería divorciarse

A muller que se precipitou desde un cuarto piso no Barco quería divorciarse

Ese mesmo día, antes da caída, fora á Garda Civil pedir información

A muller está ingresada en estado grave

O home segue detido, á espera de pasar á disposición xudicial

EFE/Brais Lorenzo
G24.gal 21/05/2025 15:18 Última actualización 21/05/2025 16:29

A muller que este martes se precipitou desde o cuarto piso dun edificio situado na praza de Andrés de Prada, na localidade ourensá do Barco de Valdeorras, acudiu ese mesmo día ao cuartel da Garda Civil para solicitar información sobre o proceso de divorcio.

Así o confirmou este mércores, en declaracións aos medios, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, que sinalou que a muller, de 35 anos, continua ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde foi evacuada en estado grave.

O subdelegado do Goberno en Ourense puntualizou que a muller non estaba inscrita no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (VioGén) e "non consta" ningún tipo de denuncia, condena nin agresión de ningún dos dous membros da parella.

O home, que foi detido, segue en comisaría á espera de pasar a disposición xudicial. A Garda Civil investiga o sucedido e o subdelegado detallou que "cientificamente" non se pode confirmar, polo momento, como un caso de violencia de xénero, "pero todo indica que o é". Santos fixo un chamamento á "condena e denuncia, tanto das vítimas, como das mulleres que son sometidas a presións e agresións, como da súa contorna".

Concentración de repulsa

Decenas de persoas concentráronse este mércores en repulsa pola posible agresión machista. O alcalde do Barco de Valdorras, Alfredo García, lamentou os dous sucesos rexistrados na comarca no que vai de ano, no Bolo, e agora no seu municipio, condenando "esta eiva", en referencia á violencia machista.

Tras asegurar que a vítima está en estado "crítico", o rexedor desmentiu algunhas informacións que circulaban en redes sociais e que apuntaban a que podería falecer, e confiou en que poida "saír adiante".

O alcalde púxose a disposición da familia e pediu á cidadanía implicarse. "É cousa de todos, non só das mulleres que sofren malos tratos. Se somos coñecedores de que nunha casa hai malos tratos temos que chamar á Garda Civil ou Policía Local e despois xa veremos o que pasa", pediu o rexedor, quen mostrou o seu rexeitamento a este tipo de comportamentos machistas. Tras a súa intervención, os asistentes gardaron un minuto de silencio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade