Publicador de contidos

Publicador de contidos

Avalían os danos que provocou un incendio na empresa de residuos do Porriño

Avalían os danos que provocou un incendio na empresa de residuos do Porriño

O lume destruíu unha das naves, que se veu abaixo mentres traballaban os bombeiros

Investigan a orixe do incendio pero todo apunta a unha reacción química no lixo que chega ás instalacións

G24.gal 19/05/2025 14:24

Volveu pasar. Unha nube de fume, negra e densa, puxo en alerta a comarca.

"Pasou máis veces. Hai cinco anos, a última vez", confirma un traballador.

Os incendios repetidos non son por casualidade. A esa planta de residuos chega todo tipo de materiais. Moitos perigosos e tóxicos.

"Chegou o último camión e revisárono. Foi na zona onde se amontoa todo o material e non se sabe se foi unha reacción química dalgún produto que viña no camión pero aínda é cedo", explica Carlos Martínez, o tenente de alcalde do Porriño.

Hoxe toca avaliar danos. Unha parte das instalacións quedou arrasada. 

"Colapsou a cuberta da nave, que é unha cuberta que ten vigas de formigón. Hai unhas vigas que están moi danadas e que temos que retirar tamén con maquinaria pesada. As oficinas teñen acumulación de auga pero os traballadores teñen acceso porque non hai perigo", detalla Patxi Mariño, o xefe da intervención.

Por dimensións e por perigosidade, foi preciso mobilizar varios parques de bombeiros. Mesmo compañeiros do norte de Portugal. Cando chegaron o incendio xa estaba moi avanzado, polo que centraron os esforzos en evitar que non se estendera a outras zonas da empresa.

"O problema era na propia nave onde estaban os produtos, a propagación pola cinta transportadora e pola propia cuberta, cara a un amoreamento de microplásticos moi altamente inflamables", engade Mariño.

Controlárono en pouco tempo, pero tardaron horas en dalo por extinguido. 

"Retirar todo o lixo que temos dentro da nave, que é un proceso que se ten que ir facendo con maquinaria pesada e refrixerar. É un traballo máis lento. O problema era a propagación dese lume a outras zonas da nave que supoñía un risco moi elevado pero iso controlouse", sinala o xefe dos bombeiros.

Por precaución, chegouse a activar o Platerga, un plan para minimizar riscos para a poboación e para o medio ambiente. Finalmente, non foi preciso confinar veciñanza nin tampouco se viu afectada a subministración de auga. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade