Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un hostaleiro de Pontevedra faise cun mero de 40 quilos capturado en Portugal

Un hostaleiro de Pontevedra faise cun mero de 40 quilos capturado en Portugal

O dono do restaurante Eirado da Leña pagou por el 750 euros máis IVE

O restaurador Iñaki Bretal nunha imaxe deste xoves ante parte do mero de gran tamaño adquirido para o seu restaurante
G24.gal 08/02/2024 14:07

Ata dez, doce quilos de peso pode ser relativamente normal. É o que di o restaurador Iñaki Bretal, para referirse a un mero ou cherna grande. Pero o que adquiriu estes días está moi por riba desa pesaxe.

"Isto sería unha parte da ventrecha. Agora témolo despezado xa para o servizo. E cada anaquiño destes que falta era unha espiña. Tiña unhas señoras espiñas. O bicho pesaba 39 quilos e medio", explica Bretal cunha porción do peixe.

Longo traballo de preparación ata chegar aquí. Conta Iñaki que, como a maioría dos peixes, neste caso o aproveitable para o restaurante sería a metade. O dono do restaurante Eirado da Leña ten experiencia na preparación de exemplares de talle grande, como mostran as imaxes da súa galería.

"Chamoume Luis do Percebeiro, que o colleu na lonxa de Vigo, procedente de Portugal. Díxome: teño isto e... xa foi amor a primeira vista. Aí atrás tiven outro da lonxa de Ribeira tamén de corenta quilos e pescados por barcos de aquí que andan a pescar cerquiña", relata o dono do Eirado da Leña.

Pagou por el 750 euros máis IVE e agora ten previsto despachalo nos seus restaurantes. O traballo de posta no prato ten a súa singularidade ao tratarse dun mero tan grande:

"Para sacar unha ración de carta normal son 220-250 gramos. Aquí temos que ir case a 300, porque unha tira disto xa vai ser iso, 300 gramos de peixe", di Iñaki Bretal.

O gran mero comparte menú no Eirado da praza da Leña de Pontevedra con outros exemplares tamén de porte destacado durante estes días e nunha fin de semana de bo traballo, segundo este restaurador galego estrela Michelin.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar