Multas de 750 euros por usar altofalantes ou acceder cos cans á praia na Coruña
A ordenanza municipal busca o uso racional e sostible dos areais da cidade
O verán enche as praias de bañistas, e tamén de normas.
Na Coruña unha ordenanza municipal fixa límites para garantir a convivencia e o uso sostible dos areais da cidade. Non se permite o acceso cos cans e a música só pode soar a pouco volume. As sancións poden alcanzar os 3.000 euros para as infraccións máis graves.
A primavera coruñesa comezaba con temperaturas xenerosas e cos cans gozando da area e da auga nas praias do Orzán e de Riazor. Pouco lles quedaba para despedirse dos paseos á beira do mar. A prohibición anúnciase en cada acceso. Durante tres meses as mascotas non poden baixar aos areais urbanos.
"As couas como son, os cans teñen todo o ano, todo o inverno, están aí sempre e nós tempos dous meses escasos", opina unha bañista que apoia a norma municipal.
"Que non poidan vir en todo o verán non o vexo ben. Deberían habilitar unha zona para eles, porque na Coruña hai praias e praias, ou que os deixen baixar a partir dunha hora", comenta outra usuaria do areal de Riazor.
A sanción económica por infrinxir a norma pode chegar aos setecentos cincuenta euros. Ata outubro, a única alternativa é desprazarse á cala de Bens, xa no límite co municipio de Arteixo.
A prohibición e a multa están recollidas nunha ordenanza municipal que establece sancións semellantes para os que xogan ou practican deporte molestando outros bañistas ou para os que se pasan co volume das radios ou dos altofalantes. Normas básicas de convivencia para un día de praia deses que refescan o corpo e a mente.