Publicador de contidos

Publicador de contidos

A última tenda de discos de Ourense fai comunidade na cidade

A última tenda de discos de Ourense fai comunidade na cidade

Na era dixital, do auto-tune e a música en streaming, as tendas de vinilos resístense a desaparecer

E conquistan público cada vez máis novo, sorprendido ao descubrir a calidez do son nun tocadiscos

Alfredo Varela, cun dos tocadiscos de Bonus Track
G24.gal 02/07/2026 15:23 Última actualización 02/07/2026 20:20

"O vinilo ten unha calidade e unha calidez insuperable. Aparte de que a edición tamén é precioso, con portada dobre, fotografías grandes...", asegura Alfredo Varela, o dono de Bonus Trac, a última tenda de discos de Ourense.

A paixón pola música é o que levou a Alfredo a deixar o seu traballo de toda a vida para aventurarse no que realmente lle gustaba.

"Para min, de feito, é o meu traballo pero non o considero tal. Veño aquí contento. Para min é igual un venres que un luns e un domingo", explica.

Desde aquí, a única tenda de vinilos que queda en Ourense, Alfredo fai comunidade.

"É unha tenda de música, de intercambio de coñecementos, uns anunciámoslles a outros as novidades que coñecemos...", comenta Alfredo.

Pero tamén hai moito público novo, que non renuncia ao streaming pero que valora o son e o ambiente que aportan os vinilos. "Hai máis atmósfera. Ti estás escoitando e formas parte do que estás escoitando", di Alba, que pasa pola tenda a miúdo.

Algúns, nin sequera teñen tocadiscos, pero van empezando a colección para cando chegue o momento. "Non teño tocadiscos, íbao pedir para o aniversario. Encántame ver os discos e descubro cancións ou grupos e encántame coleccionalos", di outra Alba, afeccionada tamén aos vinilos.

Michael Jackson, resucitado no último biopic, é agora mesmo o máis demandado, incluso por clientas insospeitadas. "Os cantantes de agora usan auto-tune, pero cando cantaba Michael Jackson non existía e cantaba coa súa voz. Iso é algo que leva por el", explica Mencía, de dez anos.

Bonus Track acaba de cumprir o seu cuarto aniversario e Alfredo reafírmase na decisión. Aquí, di, a vida vai a outro ritmo, o que marcan as agullas sobre o vinilo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar