Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un equipo submarino analizará os restos do Villa de Pitanxo

Un equipo submarino analizará os restos do Villa de Pitanxo

As operacións realizaranse no ano 2023, "tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan"

Os familiares das vítimas do naufraxio agardan que o anuncio se faga realidade: "Oxalá pronto o podamos materializar" 

G24.gal 18/11/2022 14:00 Última actualización 18/11/2022 18:41

A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) iniciou os trámites para realizar unha operación de "busca, localización e inspección submarina do pecio do Villa de Pitanxo", naufragado en febreiro deste ano en augas do Canadá no Atlántico Norte, en Terra Nova

O Ministerio de Transportes asegura nunha nota de prensa que nas últimas semanas se realizaron consultas a varios organismos da Administración do Estado que xestionan buques de navegación oceánica para avaliar as súas capacidades técnicas e a oportunidade de dedicar medios públicos a estas operacións. Finalmente concluíuse que o máis axeitado é contar con compañías privadas especializadas que dispoñan de buques e equipos idóneos e de dotacións especificamente formadas.

Asegura o Ministerio que se está preparando a licitación dun contrato para ese fin e que as operacións se realizarán no ano 2023, "tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan".

Esas operacións vanse facer en varias fases. En primeiro lugar vaise explorar o fondo mariño, no punto de afundimento e a área próxima onde sexa máis probable atopar o pecio.

Afirma a administración do Estado que a pesar de que a busca podería non dar froitos, pois dependendo da rapidez do afundimento e as correntes os restos do barco puideron pousarse a unha distancia considerable, a CIAIM cre que "é probable atopalos preto do lugar do accidente".

Logo da localización vaise proceder a unha inspección visual, cun vehículo operado de forma remota, con cámaras para examinar distintos aspectos do buque, os seus equipos, artes de pesca e do fondo mariño, que poidan resultar de interese para a investigación.

Satisfacción dos familiares

Os familiares dos mariñeiros falecidos no naufraxio recibiron este venres a confirmación por parte da CIAIM coa esperanza de que se faga realidade"Oxalá pronto o poidamos materializar", desexou a portavoz das familias, María José de Pazo, poñendo de relevo a importancia desta noticia.

As familias levan meses solicitando ao Goberno que baixe ao pecio para tratar de obter probas sobre o sucedido na madrugada do pasado 15 de febreiro, cando o buque naufragou a 450 quilómetros das costas de Terra Nova, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo.

A partir de aí comezou unha investigación sobre o sucedido, con versións contraditorias entre os relatos dos sobreviventes. Por iso, as familias solicitaron "coñecer a verdade", sobre todo despois de que a Audiencia Nacional investigara o capitán, Juan Padín, pola presunta comisión de 21 delitos de homicidio por imprudencia

Outros avances na investigación

Ao mesmo tempo, o Ministerio de Transporte informa de que se están ultimando os preparativos para a realización dos primeiros ensaios co modelo de buque de laboratorio de dinámica mariña, e que concluirán antes de finalizar este ano.

Prevese que a CIAIM publique un informe preliminar sobre o accidente en febreiro de 2023, cos datos obxectivos do sinistro, pero sen incluír conclusións nin recomendacións de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade