As familias do Villa de Pitanxo insisten sete meses despois do naufraxio en que se baixe ao barco
Un informe da Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos amósase favorable a inspeccionar os restos do barco
Xa pasaron sete meses desde o afundimento en augas de Terranova do pesqueiro galego Villa de Pitanxo. As familias dos 21 mariñeiros falecidos no accidente seguen a loitar sen descanso para que se avance na investigación do que pasou no naufraxio e para que se baixe ao barco.
Malia a negativa do Goberno a esta iniciativa, agora podería prosperar tras un informe da Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos que se amosa favorable a organizar unha expedición a 250 millas de Terranova para inspeccionar o barco
"As familias dos mariñeiros falecidos e desaparecidos estariamos satisfeitas de que se materializase a posibilidade de que se poidan inspeccionar os restos do Villa de Pitanxo" dicía no programa informativo Bos Días da TVG, Carolina Alcántara.
Insistía en que para os familiares en España, o Perú e Ghana o avance das investigacións aliviaría a súa situación.
"A busca e a verdade para que se faga xustiza e se poidan coñecer as causas do naufraxio do 15 de febreiro en Terranova é o noso obxectivo", insistía Carolina Alcántara.
As familias dos náufragos no accidente amósanse esperanzados en que o Goberno español mude a súa actitude para acelerar as investigacións.
"Cremos que si se pode facer o que esiximos. Todo o que pedimos está avaliado por expertos, polo que o executivo debería dar luz verde a baixar ao barco".
Sobre a posible construción dunha réplica do barco, que anunciou Transportes para recrear as condicións en que se produciu o afundimento, aseguran que souberon da iniciativa polo BOE sen que ningún representante do Goberno se puxese en contacto con eles.
"Aínda así todo o que sexa avanzar na investigación é favorable. Pero primeiro hai que baixar ao barco e logo investigar coa maqueta", abundan as familias.
As familias dos mariñeiros falecidos e desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo din que chegarán a onde teñan que chegar para que se faga xustiza.
"Busca, verdade e xustiza é o que nos move. Chegaremos, como xa o fixemos, a Bruxelas, e se temos que volver iremos outra vez e a calquera institución que poida facer que saía a luz toda a verdade sobre o afundimento", remarca Carolina Alcántara.