Un emú sen dono nunha leira de Coles
A ave leva máis dun mes nun terreo de Meriz e os veciños encárganse de darlle de comer
Na parroquia sospeitan que o animal podería pertencer a unha muller veciña de Paradela
Non todos os días aparece un emú no medio do rural ourensán. Pero en Meriz, no concello de Coles, esta ave australiana converteuse xa nun veciño máis. Leva máis dun mes instalada nesta finca, sen que ninguén reclame a súa propiedade.
"A primeira vez que a vin estaba no medio da estrada. Vin unha cousa grande e meteuse para a leira e, dende entón, nela está", di Luis Duque, veciño de Meriz.
Entre os veciños corre a idea de que podería pertencer a unha muller da zona que ten varios animais.
"Aquí non aparece ninguén, e o animal dá pena que non ten onde resgardarse. Está á auga e ao frío. E vese manso, non parece bravo.", di Luis con mágoa.
O emú aliméntase principalmente de sementes, herbas e froita, aínda que tamén pode comer insectos. Mentres non aparece unha solución definitiva, outro residente da zona lévalle penso e auga.
Luis di que non ten claro de que se alimenta, só que come herba, e que necesita un lugar máis amplo.
A leira está aberta e os veciños temen que o emú corra perigo ou cause algún accidente.
Antonio González, propietario da leira, agarda un pronto desenlace do caso. "O sábado, día 10, tiña previsto recollelo pola tarde, porque antes non era posible, pero, mentres tanto, aínda continúa aquí”.
O concello de Coles busca un centro de recuperación ou rescate para o emú, pero de momento ninguén se interesou polo animal.