Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aparecen aves mortas nos areais, consecuencia da cadea de borrascas deste inverno

Aparecen aves mortas nos areais, consecuencia da cadea de borrascas deste inverno

Son sobre todo exemplares de especies peláxicas, que viven en mar aberto, e non deron aguantado o mal tempo

Piden precaución e colaboración: nin tocalas, nin achegarse, e dar aviso ao 112 para que as manden recoller e analizar

Un dos araos papagaio que apareceu morto na praia da Lanzada
G24.gal 11/02/2026 14:38

A alarma saltou este inverno en areais de toda Galicia, porque as mareas arrastran aves mortas á costa. Aparecen sobre todo nas orientadas a mar aberto, sobre todo no litoral atlántico pero tamén no de Lugo, Asturias ou Cantabria. E son maiormente exemplares de especies peláxicas, coma o arao papagaio.

"Son aves de mar aberto, non de costa" explica Gustavo Ferreiro, responsable de SEO Birdlife en Galicia. "O arao papagaio cría no Atlántico norte, nas zonas árticas, pero pasa o inverno nas costas da Península, e incluso pode baixar ata Canarias".

Así que os araos papagaio están afeitos a condicións duras de vida, pero este inverno superounos: "eles para descansar póusanse no mar, en mar aberto; e para alimentarse, mergúllanse e pescan algún peixiño pequeno -conta Ferreiro-. Teñen problema de descanso e de alimentación, con estes temporais non conseguen comer, perden a graxa corporal e morren por hipotermia".

Así que estes días hainos mortos por ducias nos areais. Gustavo fai un control case diario na praia da Lanzada e, en cousa de cen metros, localizou dez ou doce aves mortas. Pasa os anos de temporais encadeados pero, por se fora outra a causa, pide moita precaución.

"Estamos aínda co protocolo de gripe aviaria, polo tanto non se recomenda nunca tocar as aves nin achegarse a elas. Convén que tampouco se acheguen os cans, ollo ao traelos á praia, porque o can vaina cheirar, trabar incluso, e pode haber un risco de transmisión ave-mamífero", advirte.

Se se atopa algunha, hai que dar aviso no 112, e o Servizo de Medio Ambiente recollerá e analizará os restos. Tamén recollen as aves que conseguen chegar vivas: para elas, hai esperanza. "Alimentándoas e dándolles calor a recuperación non é difícil -di Ferreiro-. Logo volven ceibarse para que continúen a súa migración".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade