As granxas avícolas galegas poderán quedar liberadas de marcar os ovos en orixe
Coa nova normativa autonómica, o produto poderá etiquetarse, previa autorización, no primeiro centro de embalaxe ao que se envíe
As granxas avícolas galegas xa non estarán obrigadas a etiquetar os ovos para poder comercializalos. Previa autorización, o produto poderá ser marcado co código correspondente no centro de embalaxe ao que antes sexa enviado. Así o establece o primeiro decreto específico deste mercado en todo o ámbito estatal, que acaba de ser aprobado polo Goberno autonómico.
"De tal maneira que permite que non se marque en granxa, sempre que reúna as condicións de contrato de integración, de produción e entrega a un centro propio e que se poida marcar no primeiro centro de entrega de ovos, non nun segundo", sinala Manuel Casal, xerente dunha empresa de produción e clasificación de ovos campeiros.
A nova normativa busca axilizar a comercialización de ovos e aforrarlles custos aos produtores, que ata agora debían investir decenas de miles de euros na maquinaria precisa para a etiquetaxe.
"Fai que non teña que comprar unha máquina de empaquetado de bandexas ou unha máquina de marcado de ovos. E ao mellor estamos a falar dun aforro de ata 70.000 euros por explotación, á parte da carga burocrática que lle representa", engade Casal.
Pola súa parte, os produtores con menos de 50 galiñas seguirán exentos da obriga de marcar os ovos.