Galicia duplicou a produción de ovos campeiros nos últimos cinco anos
As empresas do sector seguen acometendo fortes procesos de expansión
Os Ovos da Avoa, que xa produce 20.000 ducias diarias, prevé triplicar esa cifra nos próximos dous anos
Prepáranse para o oco que haberá no mercado cando se aplique en España a normativa comunitaria que prohibe a produción en gaiola
Hai 30 anos que a granxa de Melide, Os ovos da avoa, empezou co modo de produción de galiñas campeiras en aberto; un sistema que daquela era case inexistente a nivel industrial, lembra o CEO, Manuel Casal.
Empezamos a probar con 500 galiñas e nese mesmo ano xa puxemos 20.000 e fomos crecendo ata agora. Hoxe temos 20 centros de produción e estamos nunhas 20.000 ducias diarias que para ovo campeiro é unha produción importante.
Despois de dúas décadas producindo para outras empresas, en 2017 iniciaron unha grande expansión e constituíronse en marca propia, O ovo da avoa. Iso supuxo tamén un forte cambio tecnolóxico, sobre todo no proceso de clasificación e envasado.
Robotizamos totalmente o centro; aplicamos IA en todos os procesos de control de calidade. Mesmo temos un aparato que lle fai unha ecografía a cada ovo para que non leve nin unha mancha que ás veces levan os ovos por dentro; ultrasons para percorrer a capa do ovo e comprobar que non leve fisuras
O desta empresa é un exemplo do auxe que está a vivir a produción de ovo campeiro en Galicia, sobre todo nas Terras de Melide e as comarcas lindeiras. Por aquí temos unha porcentaxe moi importante, entre Arzúa, Boimorto, Palas, Melide ao mellor un millón de galiñas campeiras hai nesa zona, di Manuel Casal.
Contan con que a expansión deste modo de produción vai seguir sendo moi grande nos próximos anos para substituír os ovos de galiñas de gaiola, que se terán que deixar de producir definitivamente en España para adaptarse á normativa europea. Ademais os consumidores tamén incentivan o proceso porque valoran cada vez máis o plus que ofrece a crianza campeira.
Nós dámoslle unha alimentación totalmente natural; millo, cebada e soia. E co que pican na terra, os minerais, o sol que achega moita vitamina D faino moi diferente
Para poñer en valor esa diferenza que vén da natureza é para o que cómpre, din, esta tecnoloxía que nalgunhas fases está a ser desenvolvida a demanda das propias explotacións en centros de procesamento coma o desta empresa.
O ovo pono a galiña pero detrás do ovo está toda esta tecnoloxía que é o que dá un produto de calidade cando chega ao mercado.
A expansión vai aparalleda á tecnificación nos procesos de control de calidade e empaquetado