Un dispositivo especial de seguridade desprégase en Santiago para as festas do Apóstolo
A Xunta Local de Seguridade deseñou o plan especial, que despregará máis de 250 efectivos na cidade durante as festas
Máis de 250 axentes da Policía Nacional, xunto coa Policía Local e a Garda Civil de Tráfico, velarán pola seguridade en Santiago na semana do Apóstolo. Efectivos que poderían incrementar se fora necesario, como previsiblemente farán os días 24 e 25 de xullo.
"O que queremos -di a alcaldesa, Goretti Sanmartín- é que a xente goce, coa familia, coas amizades, na rúa; e que todo se faga sen que haxa incidentes".
Para iso, a Xunta Local de Seguridade deseña cada ano ese dispositivo especial, que mobiliza todas as unidades dispoñibles durante os días de festa. "Dende a UPR, unidades dos guías caninos, Tedax, drons, ou sistemas antidrons" explica María Rivas, subdelegada do Goberno na Coruña. E engade que tamén haberá axentes despregados polas vías de acceso a Santiago e na estación intermodal.
Ademais, explica a alcaldesa, haberá puntos lila de atención á violencia machista repartidos pola cidade "que atenderán non só as denuncias, senón que tamén darán información xeral sobre como actuar en caso de violencia", di Sanmartín.
A semana do Apóstolo é tempada altísima de visitantes en Santiago de Compostela, así que queren previr incidencias. O programa de festas vai do 18 ao 31 de xullo.