Publicador de contidos

Publicador de contidos

Pneumáticos, freos, aceite ou batería, algúns dos oito puntos esenciais na posta a punto do coche antes de ir de vacacións

Pneumáticos, freos, aceite ou batería, algúns dos oito puntos esenciais na posta a punto do coche antes de ir de vacacións

Amoréase o traballo nos talleres de mecánica xeral estes días para a revisión dos coches para as vacacións

Un de cada dez sinistros nas estradas é debido a avarías ou mal estado do vehículo por falta de mantemento 

G24.gal 02/08/2025 21:36

Arredor de medio millón de desprazamentos polas estradas galegas se agardan nesta primeira fin de semana de agosto, dun total de sete millóns previstos no total do estado na operación saída da primeira quincena do mes.

Millóns de coches circulando, o que aumenta o risco de accidentes e, ademais da imprescindible prudencia ao volante, cómpre tamén ter o vehículo en óptimas condicións. Hai elementos básicos que revisar antes de saír de viaxe como o estado dos pneumáticos, os freos, o nivel de aceite ou a batería. Unha revisión rápida e necesaria para gozar dunha condución segura.

Acumúlase estes días o traballo nos talleres. Hai que ter o coche a punto para as vacacións e adoitamos deixar a revisión para o último momento.

"Atendemos uns seis ou sete coches ao día, e andamos un pouco apurados, porque sempre ven un cliente con moita presa, que pide o coche a punto para as vacacións. E claro, algún temos que deixar para o día seguinte, pero sempre cumprimos", comenta Raúl Mesías, propietario do taller de mecánica xeral Autobox, na cidade de Pontevedra, e membro de CETRAA Pontevedra.

O mantemento básico é imprescindible no caso de viaxes longas. Rodas, freos, aceite, luces, suspensións, refrixerantes, limparabrisas e batería son os oito elementos principais que cómpre revisar antes de saír á estrada, se queremos minimizar os riscos.

"Un pneumático en mal estado pode pegar un rebentón; ou uns freos en mal estado, pois son perigosos. Son pezas fundamentais, como a dirección ou os niveis de aceite. Eses son os puntos que hai que facer mantemento porque son os que máis risco supoñen", apunta Raúl.

Un trinta por cento dos coches sinistrados tiña os pneumáticos deteriorados. Aínda que só un de cada dez accidentes é debido a fallos mecánicos ou avarías por mal estado do vehículo. O factor humano está detrás do 90 por cento dos sinistros. Con todo no caso do coche sempre é mellor previr que lamentar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade