Jaime Gayá: "A loita contra o narcotráfico é unha loita na que non se pode perder"
O xefe de Aduanas de Galicia recoñece que é difícil combater o narcotráfico porque hai unha potencia económica detrás que sempre vai buscar novas vías de entrada
O responsable de Vixilancia Aduaneira en Galicia asegura que o reto é "impedir que o narcotráfico medre e ir pouco a pouco reducíndoo". Nunha entrevista na Radio Galega este domingo, Jaime Gayá recoñece que o corpo policial trata de enfrontarse a unha estrutura con forte investimento e innovación.
"Pensemos que hai unha potencia económica detrás moi importante e temos que estar alerta, tratar de innovar para facerlle fronte e evitar que medre, pero nós somos un servizo público que contamos co que temos".
En concreto –apunta– un equipo con máis de 300 funcionarios repartidos polas seis bases marítimas, outras tantas unidades operativas e dous núcleos centrais, un na Coruña e outro en Vigo. Con todo, "somos a segunda rexión con maior peso na vixilancia aduaneira por detrás de Andalucía".
Medios cos que tratan de interceptar os narcosubmarinos, a ameaza principal que teñen hoxe en día.
"É un tráfico relativamente novo, co que non se contaba hai anos e que é de difícil construción, ademais de precisar un importante investimento". Estas embarcacións –segue explicando– proceden de países como Venezuela o Trinidad Tobago dende onde teñen que enfrontarse a unha difícil travesía cruzando o Atlántico".
O xefe de Aduanas está convencido de que "unha porcentaxe destes narcosubmarinos se afunden sen chegar a destino e tamén haberá outros que non se detecten" porque –engade– para iso "é preciso de medios aéreos con cámaras térmicas e niso estamos".
Estas embarcacións introducen en Galicia, sobre todo, cocaína, unha droga, que, segundo informa, reporta uns beneficios importantes se chega ao mercado.
"Cada quilo desta substancia son 30 mil euros na venda no mercado e moito máis se se distribúe en doses".
E fai fincapé na relevancia que tivo de sempre o tráfico de cocaína en Galicia "pola súa situación xeográfica e por vínculos históricos". Non ocorre así co haxix, que apenas entrou cantidade desta substancia polas nosas costas".
Logo, –engade– en menor medida está a aprehensión de tabaco de contrabando que pretende eludir os impostos das aduanas, aínda que en cantidades moito máis pequenas con respecto á década dos noventa.
Outras mercadorías ilegais
Jaime Gayá advirte do descoñecemento que existe por parte de moitos galegos que tras unha viaxe a lugares exóticos traen obxectos que son materias de contrabando.
"Hai madeiras tropicais que son ilegais e que o seu comercio está totalmente prohibido".
Tamén menciona as especies animais ou vexetais protexidas, en perigo de extinción, que son frecuentemente obxecto de tráfico ilegal e que están recollidas na convención de Washington de 1973, á que está adherida España.
