Vivir na milla de ouro da droga de Ferrol, un inferno
Roubos, danos en coches e vivendas, e desacougo polo paso constante de toxicómanos
Na zona de Catabois xúntanse varios asentamentos de venda de heroína e cocaína en poucos quilómetros
Quilómetro cero da milla de ouro da droga en Ferrol.
"Isto é un desastre, un non poder vivir. Aquí estamos con tres, os de baixo, os do cemiterio e os de San Mateo"; "Nun vendes a cocaína e noutro venden a heroína. Isto é unha romaría", lamenta a veciñanza.
Un ir e vir de toxicómanos constante, dun a outro lado da rotonda.
"Vimos consumir e punto. Estou enganchado á heroína. Non teño ven agora mesmo a cabeza. Estouno pasando mal", confesa un adicto.
"É xente nova, que están bastante estragados. Xa levan tempo consumindo. Métense polo medio da rotonda, pola estrada, e para se queres", di unha muller que traballa na zona.
"A moita xente xa a coñeces de vista, xente cun problema importante de drogodependencia, e hai uns interlocutores que se están beneficiando".
A vía de servizo, tal cal metáfora, desemboca xusto na entrada do asentamento dos Chaquetas. Son os máis perigosos, con vixilancia permanente á entrada e saída do poboado.
"Aquel teno máis controlado a policía. Mesmo o tivérono pechado porque lle pegaron a uns policías e non podía entrar nin saír ninguén. Xa te dicían vai para o Freixeiro, para o polígono ou para o cemiterio", explica o toxicómano.
"O grupo que está aí, fóra, ten moi controlado á xente que pasa, coches, matrículas e todo. Hai un sistema que é de fogata e cando bota fume é que teñen, ou que están para recibila ou que vén a policía", conta unha testemuña.
Levan aí toda a vida, ao pé dunha zona comercial, dun instituto e do hospital, onde moitos deles teñen posto fixo. En canto teñen para unha dose, a correr.
"Vou ao aparcadoiro porque a pensión xa a comín. Dáme igual, unha micra, dúas micras, un gramo, dous gramos. Fúmoo e saio sen nada. Eu fumo dentro, se me cachean agora non levo nada. Xa o fumei", confesa o drogodependente.
Pero hai días malos e cando o mono aperta....
"Válelles todo. Estando coa porta pechada do negocio e comigo dentro, o tipo entrou para dentro e levou tres garrafas de líquido de limpaparabrisas, para levalo a vender aos campamentos".
"Entran nas leiras, rouban as cousas. A min as macetas que tiña por aquí leváronmas, unha grella, roupa do tendal, unha bicicleta de 600 euros que recuperamos cando a estaban a vender no campamento...", denuncian os veciños máis próximos.
Non sempre foi así. Non sempre foron tan agresivos, tan violentos, tan desesperados. Na zona, botan en falta os tempos de Mala Sombra, un patriarca dos de antes.