O río Sar, ao seu paso por Ames, segue cos efectos da vertedura procedente das obras da depuradora
A veciñanza segue detectando cheiros e escumas e piden medidas urxentes
O alcalde de Ames esixe un plan integral de recuperación do río
O Concello de Santiago empraza á xuntanza de seguimento das obras da depuradora para delimitar as consecuencias da vertedura
Ao seu paso polo paseo fluvial de Bertamiráns, dentro do concello coruñés de Ames e lindeiro con Santiago de Compostela, o río Sar presentaba augas turbias e cheas de escuma. A veciñanza asegura que nos días anteriores a situación da vertedura era máis flagrante, cun cheiro irrespirable nunha gran parte do curso fluvial e con zonas conmpletamente inundadas de refugallo. Por iso piden unha solución.
A vertedura denunciouse a principios desta semana e supostamente procede da depuradora de augas residuais de Santiago, que se atopa en proceso de renovación. O alcalde de Ames asegura que se reduciron os cheiros procedentes do río, pero que o curso continúa baixo estrita vixilancia, despois de denunciar a situación diante da fiscalía de Medio Ambiente e esixir un plan integral de recuperación do Sar.
Mentres, desde o Concello de Santiago recoñecen a titularidade da depuradora pero sinalan que é ACUAÉS, de carácter estatal, a encargada da obra e da explotación das instalacións. Desde Raxoi emprazaron á xuntanza de seguimento das obras da estación de depuración, que se realizará este luns coas partes implicadas, para determinar as consecuencias medioambientais da vertedura e as medidas que hai que tomar.