Publicador de contidos

Publicador de contidos

A prevención e a detección precoz, claves do Día Mundial do Cancro de Mama

A prevención e a detección precoz, claves do Día Mundial do Cancro de Mama

A probabilidade de padecer este tumor sendo muller é de 1 de cada 8, e adoita aparecer entre os 35 e os 80 anos, aínda que a franxa dos 45 aos 65 é a de maior incidencia

Segundo a Sociedade Española de Oncoloxía Médica, este ano diagnosticaranse 37.682 novos casos 

É a principal causa de morte por tumor na poboación feminina

Imaxe de arquivo: Carme Ripollés / Europa Press Imaxe de arquivo: Carme Ripollés / Europa Press
G24.gal 19/10/2025 11:07

O informe sobre as cifras do cancro en España publicado este ano pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM) mostra que este ano se diagnosticarán 37.682 novos casos desta enfermidade, que se desenvolve cando as células da mama se multiplican sen control e forman tumores que, de non tratárense, poden propagarse por todo o corpo e causar o falecemento da persoa.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2023 faleceron 6.518 persoas por cancro de mama en España, das cales 6.429 eran mulleres (o 98,6%), polo que é a principal causa de morte por tumor na poboación feminina.

A pesar disto, tamén é certo que de 2022 a 2023 reducíronse en 248 os falecementos por cancro de mama en mulleres e que a súa supervivencia é de case o 86%. Isto débese ás melloras nas actividades preventivas, ás campañas de diagnóstico precoz, así como aos avances terapéuticos, indica a SEOM.

A probabilidade de padecer cancro de mama sendo muller é de 1 de cada 8, e adoita aparecer entre os 35 e os 80 anos, aínda que a franxa dos 45 aos 65 é a de maior incidencia, ao ser o momento no que se producen os cambios hormonais nos períodos que van da perimenopausa á posmenopausa, segundo detalla a Fundación Grupo Español de Investigación de Cancro de Mama (GEICAM).

Durante a xornada deste domingo, varias mulleres diagnosticadas con esta enfermidade convocaron concentracións en Madrid, Barcelona, Donostia e Valencia -baixo o lema "O cancro de mama non é rosa"- para visibilizar e denunciar a "precariedade do sistema público de saúde" e o "abandono" do cancro metastático, así como a exposición a substancias tóxicas e canceríxenas que ninguén regula coa firmeza necesaria. Tamén piden máis investigación.

“O cancro de mama non é rosa. Que en España morran ao ano 6.600 mulleres, 550 ao mes, 18 ao día ou unha cada 90 minutos, non o é. Que a miña esperanza de vida con 40 anos sexa de cinco, tampouco. Deixemos de romantizar o cancro”, expresa unha das pacientes da enfermidade no comunicado.

Pola súa banda, a Federación Española de Cancro de Mama (FECMA) esixe así mesmo que a investigación, a innovación e o diagnóstico temperán sexan prioridades do Sistema Nacional de Saúde (SNS), á vez que insiste na necesitade de ter programas de detección precoz homoxéneos en todas as comunidades autónomas.

"Reiteramos a necesidade de tratamentos respectuosos e individualizados, e o dereito que nos asiste como protagonistas da nosa saúde para dispoñer dos diagnósticos e informes médicos, acompañados de información honesta, suficiente e veraz", apunta o manifesto de FECMA.

Ademais, a Asociación Española de Cancro de Mama Metastático (AECMM) subliña a importancia de ampliar a información e a atención dirixida ás afectadas do cancro de mama nas súas fases máis avanzadas, que actualmente representan entre o 5 e o 6 % do total dos casos. 

A crise xerada polos fallos no programa de cribados de cancro do sistema sanitario andaluz marca o Día Mundial do Cancro de Mama neste 2025, no que as sociedades científicas reivindican a prevención e a detección temperá como prioridades absolutas, posto que estes tumores son os máis frecuentes entre as mulleres e os segundos para o conxunto da sociedade.

Imaxe de arquivo de Europa Press Imaxe de arquivo de Europa Press
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar