Medra o número de visitantes nas vésperas do Apóstolo pero non as pernoctacións
Na Oficina do Peregrino contan con expedir máis de 3.000 Compostelas nun día
Os hostaleiros afirman que chega moita xente a Santiago pero que non queda a durmir
Na Oficina do Peregrino aprecian estes días unha grande afluencia de camiñantes pero aínda prevén incrementar máis a expedición de Compostelas a semana que vén, con motivo da festividade do Apóstolo.
"Onte xa tivemos preto de 2.500 peregrinos e a semana que vén poderiamos chegar aos tres mil ou aos tres mil e pico", avanza César Rúa, da Oficina do Peregrino.
Na Asociación de Turismo e Hostalería Compostela aseguran, porén, que o aumento de visitantes non se reflicte nas pernoctacións.
"O ano pasado por estas datas tiñamos unha ocupación do 85 ou o 86% e este ano non subimos dun 65%, facendo un baremo de todos os hoteis", afirma Sara Santos, membro da directiva da Asociación de Turismo e Hostalería Compostela.
Na asociación admiten que vén moita xente, moitos grupos, pero explican que o fan en excursións dun día e que non quedan a durmir.
"Os prezos subiron, subiu todo, pero outro factor moi importante son as conexións aeroportuarias. Non hai avións. Hai moi malas conexións", mantén a directiva da asociación Sara Santos.
No verán, ao contrario que no resto do ano, Santiago recibe máis nacionais que estranxeiros. Os españois representan nestas datas entre un 60 e un 65% dos peregrinos. Unha porcentaxe na que non abundan os galegos.
"Nos anos santos é cando máis galegos hai pero os outros anos adoitan vir poucos. Este ano, por exemplo, non levamos nin o 4% de galegos. Como se di, na casa do ferreiro, coitelo de pau", precisa desde a Oficina do Peregrino César Rúa.