Hijos de Rivera, primeiro socio da Xunta para organizar o Xacobeo 2027
Colaborará con 12 millóns de euros nun evento que, di, representa unha Galicia moderna e aberta ao mundo
O presidente da Xunta agarda que poida baterse a marca dun millón de peregrinos
Hijos de Rivera convértese no primeiro socio da Xunta na organización do Xacobeo 2027. Dobra a achega que fixo no anterior Ano Santo e colaborará con 12 millóns de euros nun evento que, din, representa unha Galicia moderna e aberta ao mundo.
"Para potenciar a nosa diferenza cultural, para potenciar este evento relixioso, turístico, económico e social. Para atraer riqueza á nosa terra e, sobre todo, para impactar positivamente en Galicia", asegurou José Ignacio Rivera, presidente executivo da compañía.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegura que a historia do Xacobeo é unha historia de éxito colectivo, que seguirá medrando con sentidiño e apunta que este ano pode baterse a marca do millón de peregrinos.
"Ese millón de persoas que veñan, que teñan unha experiencia diferente cada unha, que sexan de cantos máis países mellor, que repitan... Que teñan experiencias que teñan que ver co Xacobeo, e que sintan todo iso e a marca Galicia", afirmou o presidente da Xunta.
Experiencias en pequenos proxectos culturais, deportivos e sociais que xa programan para este ano e grandes eventos no 2027 para os que a Xunta agarda seguir sumando patrocinadores.
Hijos de Rivera vén apoiando o Xacobeo desde que se abriu o primeiro plan de patrocinios, hai xa máis de vinte anos.
Rueda reflexionou sobre as visitas a Galicia, onde "non sobra ninguén" e onde chegan "persoas doutros países, que hai anos probablemente non sabían nin onde estaba Galicia, e hoxe veno como un destino apetecible".
"É unha imaxe perfecta do que pretendemos", abundou, tras o que comentou que o ano pasado houbo 550.000 visitantes polo Camiño, "marca absoluta de peregrinos", e este ano a proxección xa está un 5% por encima.