Un condutor baixo o efecto das drogas cae co coche ao mar na Pobra do Caramiñal
O home puido saír do vehículo polos seus propios medios e non precisou de atención médica
Durante toda a mañá foron moitos os curiosos que se achegaron ata o peirao deportivo da Pobra do Carmiñal. O que espertou tanta expectación foi un coche que apareceu sumerxido. Pouco antes da unha da mañá e por causas que se descoñecen, un veciño de Ribeira de 30 anos caeu co seu vehículo á auga.
O home puido saír polos seus propios medios do vehículo e non precisou de atención médica. Ata o lugar desprazouse unha patrulla de Protección Civil, da Garda Civil e da Policía Local da Pobra. Foron estes últimos quen procederon a realizarlle as probas de alcolemia e drogas, dando positivo no test de drogas.
Pasadas as tres da mañá o servizo de Gardacostas de Galicia procedeu a colocar unhas barreiras anticontaminación arredor do coche para evitar posibles verteduras. Ás once e media da mañá volvían actuar; desta volta para axudar o condutor do guindastre a enganchar o coche antes de que a marea acabara de cubrilo por completo.
O rescate do turismo congregou moitos veciños na zona. A meirande parte deles reclamaron máis medidas de protección e de seguridade nesta zona do porto deportivo.