A plataforma loxística do Sergas en Negreira reparte 11.000 produtos sanitarios ao día
O centro, con case 14 anos desde a súa posta en marcha, continua incorporando ferramentas para optimizar o proceso de entregra e recepción duns 11.000 produtos sanitarios ao día
Das instalacións saen desde válvulas cardíacas ata todo tipo de material de enfermería que se precisa nos hospitais e centros de saúde
Todo o material sanitario que se precisa en Galicia garánteo o centro de loxística do Sergas.
Desde a plataforma, situada en Negreira, traballan para optimizar o proceso de repartición e garantir a seguridade de cada envío.
Con case atorce anos de vida a plataforma loxistica do Sergas continua incorporando ferramentas para optimizar o proceso de entregra e recepción duns 11.000 produtos sanitarios ao día.
"Entre as novidades está o maior incremento da automatización e dos medios empregados. Neste caso estamos cun carro guiado por luz que facilita a preparación dos pedidos, xa que se vai iluminando en cada unha das estantes, onde o operario ten que recoller o produto que vai as áreas sanitarias. Normalmente hai unha media de 3.000 pedidos ao día, iso supón 11.000 liñas de produto", asegura Lara Otero, subdirectora xeral de compras e servizos do Sergas.
A válvula cardíaca que lle puxeron este martes a un paciente no hospital da Coruña ou o material de enfermeria que precisan nos centros de saúde saíron da nave de Negreira, pero este centro tamén permite almacenar produtos estratéxicos necesarios en caso dunha emerxencia.
"Decidiuse manter un stock estratéxico daqueles produtos que poden ser máis necesarios no caso dunha emerxencia sanitaria. O stock normalmente de 30 días de consumo a maiores do normal para ese tipo de produtos", engade Lara Otero.
180 profesionais traballan nas instalacións
Para dar este servizo as 24 horas do día os 365 días do ano, 180 profesionais traballan nestas instalacións automatizadas. Os operadores loxísticos galegos encárganse tamén da entrega na porta dos centros.