O golpe de Muxía confirma a actividade das mafias do sur na Costa da Morte
Fontes da investigación apuntan a máis de vinte detidos dunha organización que estaría liderada por un narco da Arousa
Sorprendéronos cando ían descargar mil quilos de cocaína na praia da Arnela
Cóntase que os colleron coas mans na masa, neste caso, na fariña.
"Colléronos na descarga, nunha praia que está despois do Parador", confirma un veciño.
A descarga de máis de mil quilos de cocaína dunha narcolancha, unha embarcación relativamente pequena, na praia da Arnela.
"É normal, que aí fano moitas veces, incluso o teñen feito na praia dos Muíños. Aqui na nosa zona é moi normal", engade o home.
Esperábannos. De feito, os axentes e coches camuflados empezáronse a notar contra a medianoite da madrugada do domingo ao luns pero durou o día enteiro.
"Os gardas estiveron aí todo o tempo, marchaban uns e viñan outros e ás doce da noite, empezaron a vir coches, cada un con dúas persoas. Paraban aí e viña outro coche máis. Dezaseis garda civís", explica unha veciña dunha das rúas onde houbo rexistros.
Dúas noites e un día en que o amplo dispositivo, con axentes da UCO, da Policía Nacional, de Vixilancia Aduaneira, o helcóptero e mesmo os GEAS que inspeccionaron a praia, non pasou desapercibido.
"Por Muxía adiante andaron mirando nos baixos e entraron en vivendas, a revisar as casas. Houbo moito movemento".
Houbo rexistros en vivendas da zona urbana e tamén de varias aldeas. En total, en Muxía hai seis detidos, con distintos roles dentro da organización.
"Está a xente revolucionada porque a verdade é que moitos non esperabamos que andasen niso, e agora sábese, e mellor que se saiba".
O resto dos detidos, en total máis de vinte, son de concellos próximos á Coruña. Entre eles, un garda civil da comandancia da Coruña, moi ligado á Costa da Morte. E tamén na provincia de Pontevedra.
Algunhas fontes relacionan esta descarga coa do narcosomerxible que apareceu á deriva en xaneiro do ano pasado, tras unha descarga de máis de 4.000 quilos de cocaína.
Detrás de ambos cargamentos podería estar unha organización internacional liderada por un narco da Arousa, o que confirmaría o interese das mafias do sur nestes enclaves da Costa da Morte, con praias máis agochadas e menos vixilancia. A operación segue aberta, con moitos cabos por atar.