Un home pérdese no monte tras sufrir un accidente na Baixa Limia
Un condutor portugués andou dúas horas vagando polo monte e polos camiños de Lobios logo dun accidente de tráfico na fronteira
Finalmente, deu cunha familia na aldea de Compostela, que avisou o 112
O home está ingresado, evoluciona ben, pero o coche segue sen aparecer
Filomena González, veciña de Compostela, unha pequena aldea de Lobios, foi a primeira en lle dar auxilio ao home accidentado. Conta que nin sequera petou á porta, do desorientado que estaba. Que sentou nunha pedra, ao pé da súa casa e pediu que avisasen os servizos de urxencia.
"Díxollo á miña filla, se podía chamar por teléfono á policía ou unha ambulancia, que viñera aquí porque estaba mal. Que estivo dez ou quince minutos sen sentido e que, cando espertou, veu, pero viña cheo de dores, na cabeza, nas costas...", explica Filomena.
Non sabe nin como se chama nin cantos anos ten. Un home de mediana idade, veciño dunha aldea do outro lado da fronteira que, segundo lle contou, sufriu un accidente de tráfico co coche do traballo e perdeu o coñecemento. Cando se puxo de novo en pé, comezou a camiñar na procura de axuda, ata que chegou aquí.
"El di que viña todo o tempo por unha estrada coma esta. Pero custáballe falar", di Filomena.
Trasladárano ao hospital de Ourense e ata alí foi a Garda Civil de Tráfico para averiguar onde quedou o coche. Seguiron as súas indicacións, pero non atoparon nada.
"Un motorista do Seprona díxonos que estaba no hospital. Andaban investigando a ver se atopaban o coche". "A Garda Civil subiu pola estrada de Riocaldo, que é moi estreitiña e ten moitos desniveis. Sería por aí". "Pero non hai freadas nin nada. A saber de onde viña exactamente", comentan dous veciños.
A Garda Civil de Tráfico sospeita que o accidente puido ser na zona portuguesa e xa lle pasaron aviso á GNR.