Atopan en Caminha un camión abandonado cunha planadora no interior como as que usan os narcos
Os investigadores sospeitan que algún problema obrigou a supender o desembarco ou a carga da lancha
A embarcación é semellante ás que usan os narcotraficantes
O aviso dérono ás oito e media desta mañá varios veciños que paseaban polo porto de Lanhelas, en Caminha: un camión con matrícula española xacía encaixado nun dos escalóns de formigón desta rampa de acceso ao Miño, sen ninguén a bordo e co porton traseiro aberto, como unha foto fixa dunha manobra inacabada.
Aos bombeiros da vila portuguesa levoulles case todo o día sacalo da auga, pero xa antes a Policía Marítina tomara nota da súa carga: unha lancha semirrixida de 14 metros de eslora e tres motores de gran potencia, semellante as que utilizan os narcotraficantes. Os investigadores tentan averiguar se estaban botando ou recollendo a embarcación cando algún problema obrigou a abortar a operación.
Polo momento, non transcendeu se había tamén droga ou calquera outro elemento de carácter criminal no interior do trailer.