Un coche sen o freo de man derruba parte do valado do club militar de Pontevedra
O condutor baixara para axudar outra persoa que non podía abrir o coche e esqueceu pór o freo
O sinistro deixou só danos materiais, malia que as pedras caeron preto da zona das piscinas
A imaxe pon os pelos de punta polo que puido ser e afortunadamente non foi.
"Escoitamos un ruído. Saímos e atopamos o panorama: o coche aí e todo o muro rebentado", conta o veciño dunha das casas máis próximas.
"Pensei que só se fundira un pouco o valado pero cando cheguei, atopeime con algo inaudito: un coche neste oco, como nas películas, con medio coche colgando", engade Carlos Miragalla, coronel director do centro deportivo militar de Campolongo.
Quedou colgado, coma quen di, polos pés. Por sorte, o condutor, un home da zona de 71 anos, non estaba dentro. Parara na beiravía para axudar a outra persoa que non daba aberto o seu coche. Coas présas, esqueceu pór o freo de man e o turismo botou a andar só.
"Foi moi estraño e sigo sen entender porque supostamente o coche estaba nun lado da beiravía, pero despois virou e foise contra o muro. Paréceme súper raro", explica o mozo.
"Veu baixando marcha atrás ata que debeu de rozar co bordo, virou e con esa enerxía nada máis, conseguiu estes efectos", coincide Miragalla.
"Chamoume a atención porque me preguntei como se puido esnafrar un coche aí e tirar iso, que é moi duro", pregúntase un paseante.
Varias persoas que paseaban pola beiravía tiveron que sortear o coche e houbo sorte tamén na parte de baixo. Ás sete da tarde, un día de calor, a zona da piscina era das máis solicitadas.
"Había bañistas nas nosas instalacións pero non houbo ningún incidente. Había curiosidade e só lle afectou a un coche aparcado", confirma o coronel director do centro deportivo militar de Campolongo.
Tocoulles a lotaría, porque o descoido do condutor acabou con danos materiais, máis dun susto e moitas cábalas. Ninguén se explica como o coche virou sobre si mesmo, salvou o bordo da beiravía e aínda lle quedou forza para derrubar o valado de pedra.