Publicador de contidos

Publicador de contidos

O TSXG absolve a parella de Nerea Añel do delito de homicidio por omisión

O TSXG absolve a parella de Nerea Añel do delito de homicidio por omisión

O ditame do recurso destaca que se vulnerou a súa presunción de inocencia

G24.gal 25/06/2025 14:15 Última actualización 25/06/2025 14:37

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou absolver de homicidio por omisión a parella de Nerea Añel. O Alto Tribunal galego decide agora absolver o home, que fora condenado por presuntamente causar, por falta de asistencia, a morte da que era a súa parella en xaneiro de 2020 en Barbadás.

Os maxistrados acollen o recurso presentado polo sospeitoso, que fora condenado a dez anos de cárcere pola audiencia provincial de Ourense tras o veredicto do xurado popular. Salientan agora no ditame que se vulnerou a súa presunción de inocencia.

Os maxistrados afirman, segundo unha nota de prensa do TSXG, que "estamos ante unha inferencia demasiado aberta e non apoiada en bases solventes". Ademais, explican na sentenza que "a simple presenza" do sospeitoso no lugar da caída ao leito do río Barbadás "non comportaría a creación ou incremento do risco, un status de garante por inxerencia que lle obrigase a intervir e impedir a morte da moza, sen que vexamos onde reside o comportamento esperado para evitar ese resultado". A iso, engaden que "en ningún escenario se expón a concorrencia dun ingrediente doloso na conduta do acusado".

O TSXG conclúe que, "desde un indefectible patrón interpretativo acomodado a Dereito (estrito), non existe unha previa posición de garantía, un especial deber xurídico -e non só moral ou social- proveniente ‘da relación de parella, desde hai aproximadamente dous meses, no curso da cal mantiveron enfrontamentos mutuos’, que crease para o recorrente a obriga de tratar de impedir o resultado".

Así, a Sala sinala que, "a asimilación efectuada na instancia, a analoxía dunha relación de escaso desenvolvemento, non estable e sen convivencia, á conxugal é inaceptable por contraria ao principio de legalidade".

Ademais, destaca que, "ante o silencio respecto diso do xurado e a sentenza impugnada", é "inviable indagar como podería o condenado evitar a morte da súa compañeira, que acción non executada sortearía o fatal desenlace tras unha infortunada caída ao río (non se proclamou que de natureza distinta ao fortuíto ou accidental) desde o carreiro ou camiño dos Muíños, en zona boscosa, difícil e a hora nocturna (despois das 20:40 dun día de xaneiro)".

A sentenza do TSXG non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade