O acusado de matar un matrimonio nun accidente de tráfico na Coruña culpa o condutor falecido
Un axente declarou que a iluminación na zona era normal e a circulación, fluída
A Fiscalía pide para el cinco anos e medio de cadea
Este mércores sentou no banco dos acusados o home investigado por matar un matrimonio nun accidente de tráfico no cruzamento da avenida de Fisterra coa rúa Gutenberg, a carón do polígono da Grela, a Noiteboa de 2020. Está previsto que declare este xoves, pero o seu avogado culpa o condutor falecido.
"É un accidente que ten lugar unha noite de chuvia, con luz artificial, en que un vehículo se cruza na traxectoria do outro... Para min está claro", explica José Luis Gutiérrez Aranguren, avogado da defensa.
No escrito de acusación recóllese que o investigado poucos metros antes de chegar ao punto de intersección acadou unha velocidade de 125 quilómetros por hora, cando está sinalizado a 50 quilómetros por hora.
"Pero o que non di o escrito de acusación é que a circulación era lenta e en caravana", engade Aranguren.
Porén, un dos axentes que fixo a reportaxe fotográfica e recolleu as probas do accidente asegurou que a iluminación era normal e a circulación, fluída.
Declarou tamén o fillo dos falecidos, que circulaba xusto detrás do vehículo dos seus proxenitores.
"Meu pai chegou ao cruzamento polo carril esquerdo. Vin como xiraba a cabeza para mirar e xa se meteu na intersección. A continuación, eu ía ocupar o seu sitio, mirei por se viñan coches e cando mirei para adiante xa vin o impacto", declarou o fillo das vítimas.
O violento impacto arrastrou o vehículo das vítimas durante 19 metros e acabou espetado contra un poste de iluminación pública. A muller morreu no acto. O seu home, pouco despois.
A Fiscalía pide para o acusado seis anos e medio de cadea. A acusación particular eleva a pena aos quince anos e medio de prisión. A defensa solicita a libre absolución.