Unha colisión entre un bus urbano e un turismo na Coruña deixa 13 feridos leves
Quedaron feridos leves a condutora e nove usuarios, ademais dos tres ocupantes do turismo
Os afectados foron evacuados con lesións de escasa consideración
Unha colisión entre un bus urbano e un turismo na Coruña, ocorrida a última hora da tarde deste xoves, deixou 13 persoas feridas leves, segundo informou o CIAE 112 Galicia.
Quedaron feridos leves 10 ocupantes do bus, a condutora e nove usuarios, ademais dos tres ocupantes do turismo. A chofer acudiu polos seus propios medios a un centro médico e o resto de afectados tamén foron evacuados, con lesións de escasa consideración.
Foi un particular o que chamou ao 112 alertando do accidente ocorrido no polígono de Pocomao, avisando de que viaxaban bastantes pasaxeiros a bordo. Ademais dos profesionais sanitarios, neste dispositivo participaron axentes da Policía Local da Coruña.
Por outra banda, fontes policiais informaron doutra colisión por alcance rexistrada sobre as 7:45 horas deste venres na avenida Alfonso Molina, en sentido entrada á cidade herculina. O accidente causou retencións momentaneamente.