Ferida grave unha muller en Lugo ao pillala un turismo tras bater contra coches e colectores
A viandante, que foi trasladada ao HULA, camiñaba pola beirarrúa na costa de Armando Durán cando foi alcanzada
Unha muller ferida de gravidade, dous coches con danos e catro colectores esnaquizados. Esta desfeita é o resultado dunha saída de vía rexistrada en Lugo, na céntrica rúa Armando Durán.
Ao parecer, a condutora perdeu o control do vehículo e bateu primeiro contra un turismo, con tal violencia que o desprazou ata vinte metros, e logo contra os colectores do lixo. Por último, xa na beirarrúa, atropelou unha viandante, que tivo que ser trasladada ao HULA.
O sinistro produciuse nun tramo de curva dunha costa de sentido único, limitada a 30 quilómetros por hora, onde se encontra o Instituto Politécnico de Lugo. Segundo os residentes na zona, o exceso de velocidade fora a causa doutras colisións neste mesmo punto, polo que piden que se tomen medidas para evitar máis accidentes.
A condutora, unha moza que deu negativo nas probas de alcol e de drogas, guiaba o coche novo do seu acompañante. Aínda que de menor consideración, ambos tamén sufriron feridas.