A xuíza deixa en liberdade o exsecretario de Estado de Seguridade Francisco Martínez
Está acusado de colaborar na rede de ciberataques de Alcasec
A Policía confirmou que desapareceu o risco de destrución ou alteración de probas por estar estas aseguradas
O que fora número dous de Interior con Mariano Rajoy ten pendentes dous xuízos: o caso Kitchen e a presunta espionaxe a membros de Podemos

A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón acordou a liberdade do exsecretario de Estado de Seguridade Francisco Martínez, que estaba en prisión desde o pasado 29 de maio no marco da chamada operación Borraska, tras a que tamén foi encarcerado o 'hacker' José Luis Huertas, Alcasec.
A maxistrada adopta esta decisión unha vez que o fiscal solicitou este xoves a liberdade de Martínez, despois de que a Comisaría Xeral de Información da Policía confirmase que as probas que del dependían están aseguradas.
María Tardón enviou a prisión a Francisco Martínez, exnúmero dous de Interior durante o goberno de Mariano Rajoy, ao considerar que desempeñou un "rol central" na rede de ciberataques que presuntamente lideraba Alcasec.
Martínez e Alcasec ingresaron en prisión provisional o día 29 tras ser detidos dous días antes na chamada operación Borraska. Tamén foron detidos Adrián M., que entrou no cárcere, e en Andorra, o youtuber Álvaro Martín, respecto ao que a Fiscalía pediu á xuíza que reclame a súa extradición.
Na súa declaración ante a maxistrada Martínez asegurou que non se enriqueceu cos datos cos que presuntamente comercializaba o 'hacker'. O acusado dixo que a súa intención era axudalo, primeiro como avogado e como referente, a entrar en contornas profesionais e a crear dúas sociedades, das que asegurou que descoñecía a súa evolución.
Pero a xuíza concluíu que o exsecretario de Estado desempeñou un "rol central" na rede de ciberataques.
"A súa función abarcaría o deseño e a operación da blindaxe legal, patrimonial e institucional que permitiría aos membros técnicos do grupo, en especial a José Luis Huertas, operar con continuidade, anonimato e unha lexitimidade aparente", sostivo a xuíza.
O avogado de quen fose número dous do Ministerio do Interior con Mariano Rajoy recorreu o ingreso en prisión provisional e esgrime que o seu defendido só está acusado para "completar o trío que permite falar de organización criminal".
O exsecretario de Estado de Seguridade atópase pendente de xuízo polo caso Kitchen de presunta espionaxe ao extesoureiro do PP Luis Bárcenas en 2013, no que se enfrontará a unha petición do fiscal de 15 anos de cárcere, e está imputado na causa na que se investiga unha presunta espionaxe a membros de Podemos, aínda que ata o de agora non se decretou o seu ingreso en prisión provisional nestes procesos xudiciais.