Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un ciberataque paraliza as poxas de gando en Silleda

Un ciberataque paraliza as poxas de gando en Silleda

Ricardo Durán , director da Semana Verde, di que non é o primeiro ataque que reciben, pero si "máis sofisticado" do habitual

Descartan que estea vinculado coa polémica das compravendas de gando a través da plataforma informática

Agardan que se retome a actividade o próximo martes

G24.gal 24/06/2025 16:56

Silleda quedou hoxe sen a poxa de gando. Un ataque informático deixou sen servizo os ordenadores da Fundación Semana Verde. Os expertos están buscando solucións e dan por feito que volverá haber mercado para a semana que vén.

Nun martes normal, en Silleda póxanse máis de 1.000 animais. Hoxe, as instalacións estaban baleiras. Non entrou nin un becerro. 

O domingo á noite, un ataque informático deixou fóra de servizo todos os equipos necesarios para organizar o mercado. Os técnicos da Semana Verde tentaron amañar pero aínda non foron quen de facelo, así que a organización avisou a gandeiros e compradores para que hoxe non acudisen a Silleda.

"Non é o primeiro ataque que temos. Adoitamos solucionalo de forma automática grazas ás copias de seguridade. O luns empezamos a ver que era un ataque máis sofisticado do normal. Afectaba ás copias. Durante 19 días estiveron facéndonos un seguimento. Á unha vimos que non podiamos garantir o funcionamento da poxa de gando. Avisamos a todos os usuarios que non iamos poder facela en circunstancias normais e que polo tanto quedaba suspendida", confirma Ricardo Durán, director xeral da Fundación Semana Verde.

Os equipos deixaron de funcionar porque os piratas informáticos encriptaron toda a información que gardan os ordenadores da Semana Verde

"Os 'hackers' facíannos indicacións para instalar un software e un usuario-contrasinal para ver que nos pedían a cambio de desencriptar os servidores da fundación pero non seguimos as súas indicacións. Non imos seguir ningunha chantaxe de ningún 'hacker' nin hoxe nin no futuro. Informaremos a Garda Civil para que fagan as investigacións pertinentes", di Durán.

Os técnicos están traballando para restablecer o servizo en cuestión de horas e dan por feito que volverá haber mercado o próximo martes.

Descartan que o ataque estea vinculado coa polémica das últimas semanas, cando a Semana Verde obrigou a facer todas as compravendas de gando a través dunha plataforma informática, algo ao que se negaban algúns usuarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade