A TVG presenta as novas caras dos seus informativos
Antía Araújo e David Valverde incorpóranse á presentación do 'Telexornal mediodía' e 'Telexornal fin de semana'
A web G24.gal consolídase cada día como referencia da información en Galicia
A canle líder de informativos en Galicia no mes de agosto, a TVG, inicia este luns 8 de setembro unha nova etapa nos seus servizos informativos para seguir consolidando este liderado durante toda a temporada 25-26, e para iso conta con reforzos estratéxicos tanto diante como detrás das cámaras.
Entre as novidades máis visibles, destacan a incorporación aos telexornais de novos talentos como a xornalista Antía Araújo ('Telexornal mediodía', 14:25) e David Valverde ('Telexornal da fin de semana', 14:25 e 21:00).
Pablo Muñoz continuará como referente do 'Telexornal serán' (20:55), consolidado como un dos informativos máis seguidos da canle.
O 'Galicia noticias' (14:00) manterá o seu clásico espírito de proximidade con Raúl Quián de luns a venres e Chus Tanoira nas fins de semana.
As mañás informativas seguirán a cargo de Almudena Rodríguez de Urzáiz no 'Bos días' (8:00) que marcará axenda diaria con entrevistas de actualidade política, económica e social.
A información deportiva afronta tamén un novo curso con Terio Carrera no 'Bos días' (8:00), Sevi Martínez no 'Mediodía' (15:15), Lorena Pose á noite (21:25) e Irene Lourido nas fins de semana. Ademais, o 'En xogo' (domingo, 22:50) será conducido esta temporada por Sevi Martínez, con novidades, e tamén co equipo clásico de enxogueiros.
No ámbito cultural, o 'Zigzag' inicia unha nova temporada como espazo cultural diario máis lonxevo das televisións públicas autonómicas con María Solar, xefa da sección de Cultura da CSAG, Pilar García Rego e Marta Gómez á fronte.
Outro dos apartados centrais seguirá sendo a información meteorolóxica de 'O tempo', que seguirá a contar con Ana Celia Vázquez, Diego Viaño, Loli Gómez Oviedo e Noelia Rodríguez. Os catro dan forma a un dos espazos máis recoñecidos e seguidos pola audiencia galega.
A programación complétase cos contidos especializados que analizan a actualidade política, social e económica de Galicia: 'No foco' (reportaxes en profundidade), 'Parlamento' (actualidade parlamentaria), 'Labranza' (información do agro) e 'Vivir o mar' (actualidade marítima).
Tamén se manteñen os espazos de análise e opinión, que ocupan un lugar destacado na grella da Galega: 'Galicia por diante', conducido por Luis Ojea e Celia Rúa; 'A crónica', conducido por Silvia Pereira; e 'Conexión Galicia', dirixido por María Cheda, achegando contexto e reflexión á información diaria.
Na presentación da nova tempada, celebrada este venres no estudio 300 da TVG, a subdirectora de Informativos, Marta Darriba, destacou que “a nova programación reforza o compromiso da Televisión de Galicia co servizo público, cunha oferta pensada para conectar con máis públicos e adaptarse aos seus hábitos de consumo, mantendo a proximidade e a identidade que caracterizan á canle pública”.

Conexión multiplataforma
O 'Telexornal mediodía' xa é o contido en diferido máis consumido de AGalega.gal no que vai de 2025.
Isto pon de relevo a importancia e o éxito da estratexia multiplataforma seguida ata o de agora, e que se verá reforzada neste novo curso.
Todos os informativos da TVG poden seguirse hoxe en múltiples dispositivos e plataformas, con especial protagonismo de Agalega.gal, e tamén a canle de YouTube, que garanten o acceso ás emisións en directo e á carta en calquera momento e en calquera parte do mundo, e de balde.
Neste ecosistema, a web G24.gal consolídase cada día como referencia da información en Galicia, cun fluxo continuo de actualizacións e a posibilidade de recuperar as emisións integrais dos informativos.
Xunto a ela, as redes sociais de G24 experimentan un crecemento sostido e un enorme éxito en número de seguidores e interaccións, converténdose nun dos principais puntos de encontro coa cidadanía e reforzando a conexión da televisión pública galega cos novos hábitos de consumo informativo.