Unha administración de Marín vende o primeiro premio do sorteo da Lotería
A administración tiña asignada a totalidade do número 59.203, un cento de décimos
Cada décimo do sorteo do sábado da Lotería Nacional está premiado con 60.000 euros
Este sábado arrincou dun xeito moi especial para algúns veciños de Marín. E non han de ser poucos os que teñan na conta 60.000 euros máis porque a admnistración número catro da vila tiña asignado o número completo, un cento de décimos do 59.203 cun valor total en premios de seis millóns de euros.
"Tíñamos cen décimos, de series completas", explica a titular da administración número 4 Carmen Gómez.
"Si que tocaron aquí uns millóns de pesetas, de pesetas non de euros".
"Oxalá lle tocara á xente de aquí, claro. A min non me tocou, vamos, pero que oxalá lle tocara á xente que lle fai máis falta".
"E si ben repartido en lugar de tocarlle a un só é suficiente e bo".
E a diferencia do que acontece en sorteos como o de Nadal, os premios semanais da Lotería Nacional adoitan recaer entre os clientes habituais da administración.
"Normalmente a xente que merca Lotería Nacional entre semana adoita ser xente da vila. Si que a de Nadal se vende máis para fóra, pero esta véndese para xente de aquí. Esperemos que sexan clientes habituais os que tiveran esta boa nova. Moi contentos", di Carmen Gómez.
Malia que aínda non puideron comprobar cantos décimos venderon, agardan que foran bastantes e celebran o primeiro gran premio que reparte a administración que leva aberta pouco máis de cinco meses.