As plataformas da Galega renden tributo ao legado da xornalista Begoña Caamaño
AGalegaAudio.gal recupera programas e entrevistas dirixidos e presentados pola propia xornalista na emisora
AGalega.gal estrea unha sección especial dedicada á autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste 2026, con contidos do arquivo audiovisual da TVG
Un documental, presentado pola RAG, percorre a vida e o legado de Begoña Caamaño
Europa Press
As plataformas AGalegaAudio.gal e AGalega.gal anticípanse á celebración do Día das Letras Galegas 2026. Desde este venres as plataformas ofrecerán unha selección de programas radiofónicos dirixidos e presentados pola propia Begoña Caamaño na emisora e, en AGalega.gal, unha sección especial dedicada á autora con contidos do arquivo da TVG, xunto coa información actualizada sobre os actos e iniciativas que se desenvolverán co gallo das Letras Galegas 2026.
A todos estes contidos poderá tamén accederse desde os códigos QR que se insertarán na emisión dos espazos culturais e informativos de TVG e G2.
AGalegaAudio.gal incorpora ao seu catálogo unha selección de programas radiofónicos dirixidos e presentados pola propia Caamaño na Radio Galega -‘Club Cultura’, ‘Andando a terra’ e ‘Expresso de media noite’-, que constitúen unha mostra destacada da súa traxectoria no xornalismo cultural e do seu firme compromiso coa lingua e coa cultura galegas.
A publicación de materiais realizarase de maneira progresiva ao longo das vindeiras semanas ata o 17 de maio, data central da conmemoración. Incorporaranse tamén intervencións da autora en diferentes formatos radiofónicos, especialmente aquelas relacionadas coa presentación das súas obras ‘Circe ou o pracer do azul’ e ‘Morgana en Esmelle’, contribuíndo así á difusión do seu legado literario e xornalístico.
Pola súa parte, AGalega.gal estrea este venres 10 de abril unha sección especial dedicada á autora. Este espazo reunirá contidos do arquivo audiovisual da TVG, xunto con información actualizada sobre a celebración das Letras Galegas deste 2026.
A sección incluirá entrevistas en que a propia Caamaño reflexiona sobre a súa obra e a súa vida, así como información sobre os premios que recibiu, as homenaxes posteriores ao seu pasamento, a súa elección como figura das Letras Galegas 2026 e un perfil biográfico.
Na sección tamén haberá un apartado de actualidade que recollerá eventos, publicacións e propostas vinculadas á súa figura, ampliándose progresivamente para ofrecer unha visión completa e actualizada da súa proxección cultural.
Con esta programación especial, AGalegaAudio.gal e AGalega.gal reafirman o seu compromiso coa promoción e difusión da cultura galega, así como coa recuperación e posta en valor das voces que contribuíron ao desenvolvemento do sistema comunicativo galego.
Todas as plataformas da Galega están dispoñibles en IOS e ANDROID e tamén en formato web.